O fútbol feminino move masas en Abellá

ALICIA PEDREIRA FRADES / LA VOZ

FRADES

O equipo do Concello de Frades está acadando cifras históricas de afluencia de público

28 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Os grandes proxectos, ás veces, xorden cando un menos o espera. Outras, porque brota unha mesma idea na cabeza de varias persoas á vez. E cando ademais, son o resultado dunha explosión de vontade e ilusión, o éxito está case asegurado.

En Abellá, unha parroquia do Concello de Frades, saben moito de fútbol. Proba evidente é que con pouco máis de cincocentos habitantes, a súa sociedade deportiva acolle nada menos que cinco equipos e as gradas do campo de fútbol do Vedral están cada fin de semana ateigadas de fieis espectadores. Chova, trone ou quente o sol. Pero ademais, neste lugar teñen claro que conformarse é de covardes e convén aspirar a máis. E esta teima é unha das moitas razóns polas que esta tempada, presumen con orgullo do seu equipo de fútbol feminino.

O salto das mulleres ao terreo de xogo é un vello anhelo da directiva da sociedade deportiva. Logo dun par de intentos fallidos, este ano, por fin se fixo realidade pola firme decisión do seu presidente, Daniel Vázquez, de conseguir constituílo; e doutra, grazas ás conversas que se deron nas gradas entre as rapazas que asistían como espectadoras habituais aos partidos de fútbol.

O proxecto

Ao final, o presidente apenas perdeu tempo en buscar xogadoras e as xogadoras, non perderon ningún en convencer ao presidente. Así de complexo e así de sinxelo, xurdiu. Un proxecto ambicioso porque a meirande parte das mozas nunca xogaran ao fútbol, pero doado de levar adiante porque a falta de técnica futbolística substituírona por ganas. E iso, cando algo está nacendo, é fundamental.

En xullo, cando o fútbol nos abandona en tódalas súas categorías, estas mozas de Frades, Ordes, Mesía, Curtis, Sobrado e unha chea de sitios máis, calzaron as botas e comezaron a adestrar por unha banda, e a buscar apoios e patrocinios pola outra. Pero sobre todo, adicáronse a aprender. As que partían de cero, e tamén as veteranas. Jacobo Vieites, o seu adestrador, di que o máis difícil foi que se acostumaran a unhas dinámicas e unhas rutinas que os membros de equipos masculinos xa teñen porque se lles inculcan desde cativos. «Moitas tiveron que aprender a moverse polo campo e entender conceptos básicos», comenta. Porén, afirma que a adaptación foi moi rápida e que non deixa se sorprenderse coa evolución que ve nelas. Daniel Vázquez engade, ademais, que «elas son moito máis autocríticas que os homes, e reciben de bo grado calquera corrección ou consello».

A aprendizaxe

Iso tamén permite acelerar a aprendizaxe. Katy, a capitana, que asegura ter nacido cun balón entre os pés, recoñece que tamén ela está aprendendo. «As compañeiras que nunca xogaron ao fútbol fanse preguntas que eu nunca me faría, e iso enriquece moito». Logo de moitos anos desprazándose a outras localidades para poder xogar por mor da escaseza de equipos femininos que hai, está encantada de ter un conxunto preto da súa casa, no que «o ambiente é inmellorable», unha afirmación que todas as rapazas do equipo sentenzan.

Boa relación

Porque estas mozas, que apenas se coñecían, xuntáronse para xogar ao fútbol e acabaron entablando unha relación que vai máis alá da liña de fondo, algo que rechama dada a amplísima franxa de idade que vai dos catorce anos da máis cativa, aos corenta e catro da maior.

Pero parece que trinta anos de diferenza e situacións persoais do máis dispares —dúas delas son nais— non son un obstáculo á hora de botar unhas risas mentres comentan as xogadas no vestiario, nin para que celebren o resultado do partido, sexa cal sexa, repoñendo forzas cunhas tapas nalgún bar da zona.

O éxito

É difícil atribuír a unha única variable o éxito do equipo feminino de Abellá, cuxa afección está a sorprender a todos, incluso aos equipos que veñen de fóra. «Eu creo que o contrario asústase ao ver as gradas tan cheas», asegura unha das xogadoras, ao tempo que todas recoñecen que saltar ao terreo de xogo e ver que tanta xente está alí por elas, é unha sensación flipante.