A cadela foi atopada en Rois «nun estado de abandono evidente»
01 oct 2026 . Actualizado a las 18:43 h.O Centro Público Integrado Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro colabora activamente na busca dunha familia adoptiva para Nadia, unha cadela que precisa« un fogar definitivo de maneira urxente». Segundo explica, Nadia foi atopada na zona de Rois «nun estado de abandono evidente, sucia e desnutrida». Tras verificar que carecía de microchip, «unha persoa de gran corazón acolleuna temporalmente para brindarlle os coidados básicos: baño, desparasitación e, sobre todo, un teito seguro», segundo explican dende o centro escolar. Este calcula que a cadela ten entre dous e tres anos de idade, ao tempo que destaca dela que «é protectora, intelixente e moi obediente, ata o punto de que acompaña nas camiñadas sen necesidade de ir atada coa correa». Do animal destacan, ademais, que «ten unha gran necesidade de afecto, polo que amosa un forte apego cara ás persoas, e o seu comportamento con nenos, gatos e outros cans é excelente».
O colexio fai un chamamento á «adopción responsable: Nadia é un animal nobre que devolverá con creces todo o amor que reciba, garantindo anos de ledicia e fidelidade á familia que decida darlle unha oportunidade», afirman dende o centro escolar, que desenvolve esta acción no marco do programa de Animais e Medio Ambiente que celebra cada curso.