Descuberta unha inscrición medieval nunha parede da igrexa de Santa María de Dodro

La Voz DODRO / LA VOZ

DODRO

Cedida

A data que aparece na inscrición, que podería estar relacionada coa fundación do templo, é 26 de xullo do ano 1102

05 jul 2022 . Actualizado a las 05:05 h.

O Colectivo A Rula, co que colabora o Concello de Dodro, deu a coñecer a recente descuberta dunha inscrición medieval conservada na igrexa parroquial de Santa María. A descuberta foi casual, en relación cos labores de adecentamento do templo que promoveu o párroco Francisco Lampón nos últimos tempos.

A inscrición sitúase no lenzo interno da fachada occidental da igrexa, nun perpiaño de grandes dimensións situado na parte baixa da parede, a rentes do chan. O perpiaño ten forma pentagonal, tres lados rectos e o superior é de forma piramidal pouco resaltada, o que fai pensar na posibilidade de que esta peza sexa un tímpano procedente da fábrica orixinaria reaproveitado como material construtivo na edificación actual, segundo publica o Colectivo A Rula no seu perfil das redes sociais. A parte superior da pedra semella incompleta, extremo non comprobable na actualidade debido a que o encintado das xuntas oculta o límite superior do perpiaño, engade.

Na súa superficie conserva unha epigrafía elaborada en letra visigótica con influencia uncial e reminiscencias mozárabes de difícil lectura, na que se combinan maiúsculas, unciais e minúsculas agrandadas con numerosas abreviaturas. O colectivo A Rula tirou de varios expertos para saber o significado, que podería estar relacionado coa fundación do templo, sen descartar que poida ter relación coa conmemoración dunha reforma posterior.

A data que aparece na inscrición é 26 de xullo do ano 1102.