Dodro entra a formar parte do novo Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro

Uxía López Rodríguez
uxia lopez DODRO / LA VOZ

DODRO

CEDIDA

O municipio figurará este ano nos folletos promocionais da entidade

26 ago 2021 . Actualizado a las 08:18 h.

O Concello de Dodro pasa a formar parte do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro, unha iniciativa dos municipios do Barbanza e da Deputación que pretende por en valor o patrimonio e os recursos históricos dos municipios implicados. A entrada de Dodro na entidade foi proposta polo alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, algo que o Concello dodrense lle agradece. Tamén foi incluído o municipio de Porto do Son.

Este primeiro ano non haberá consignación orzamentaria na entidade para actuacións en Dodro, aínda que este concello si figurará nos folletos promocionais que se editen dende o parque arqueolóxico, segundo explica o concelleiro de Cultura e Patrimonio de Dodro, Xoán Xosé Vicente. A idea deste Concello é formar parte do parque arqueolóxico para actuar no castro de Bexo, de cara a súa conservación e posta en valor, empezando por unha retirada dos eucaliptos.

Por outra banda, a Deputación adxudicou semanas atrás os traballos para a limpeza e recuperación dos petróglifos de Bouza Abadín, un dos grandes recursos patrimoniais de Dodro. O inicio dos traballos so estaba pendente dos permisos da Dirección Xeral de Patrimonio, segundo di Xoán Xosé Vicente. Teñen un prazo de catro meses. A actuación contempla a sinalización dos petróglifos e a súa limpeza, xa que a última remóntase ao ano 2011 e agora faise urxente para eliminar a vexetación que os cobre, de acordo co concelleiro de Cultura e Patrimonio.

A Comunidade de Montes da parroquia de San Xoán de Laíño, titular dos terreos sobre os que se asentan os petróglifos, xa lle deu permiso á Deputación para realizar os traballos, que son costeados polo ente provincial.