A igrexa de Dodro recupera a pía na que foron bautizados dous fillos de Rosalía

Uxía López Rodríguez
uxía lópez DODRO / LA VOZ

DODRO

MERCE ARES

A peza patrimonial pon de manifesto a relación da escritora con este concello

12 jun 2021 . Actualizado a las 22:02 h.

A igrexa parroquial de Santa María de Dodro recuperou a pía bautismal do século XVIII na que en 1871 recibiron o primeiro sacramento os fillos xemelgos de Rosalía de Castro, Ovidio e Gala, nados en Lestrove. A iniciativa partiu do cura párroco, Francisco Lampón, movido por un desexo de «dignificar o sacramento do bautismo», segundo explica. Deste xeito, decidiu volver a meter no interior da igrexa a pía que, durante máis de 70 anos, estivo no exterior, no adro. Ao facelo, alguén lle comentou que Rosalía de Castro tivera dous fillos en Lestrove e o sacerdote pensou que o normal sería que fosen bautizados na parroquia, polo que buscou a partida nos libros sacramentais e alí estaba.

A pía foi colocada debaixo da cuncha que ten gravada a igrexa na cuberta, un lugar moi axeitado para peza, segundo opina o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Este felicitou ao cura pola decisión de recuperar a pía, polo seu valor como elemento artístico e tamén porque, di, «encaixa coa historia para por en valor a relación de Rosalía con Dodro. Cada día que rascamos hai máis vínculos e este é un deles», asegura Anxo Angueira.

Tamén anunciou que o próximo número da revista de estudos rosalianos Follas Novas fará mención á recuperación da pía, así como reproducirá unha copia das partidas bautismais de Ovidio e Gala. A pía xa foi usada unha vez e hoxe servirá para bautizar a outro neno de Dodro. O párroco celebra que se conservase tan ben, pese a pasar décadas pousada no exterior da igrexa.

Francisco Lampón e Anxo Angueira coincidiron na importancia de «revitalizar o patrimonio», non so de Dodro, senón de toda a comarca e do rural, ao tempo que ambos animaron a seguir rascando na historia.