«Boto en falta ir a falar cos veciños; estou encerrada»

Uxía López Rodríguez
Uxia López PADRÓN / LA VOZ

DODRO

María Garrido, que cumplirá 101 años en agosto, es vecina de Dodro
María Garrido, que cumplirá 101 años en agosto, es vecina de Dodro MERCE ARES

María Garrido, de 100 años, anda con «coidado extremo» para no contagiarse

30 mar 2021 . Actualizado a las 18:02 h.

O covid conseguiu o que non fixo unha rotura de cadeira aos 99 anos dunha veciña da aldea de Teaio, na parroquia de San Xoán de Laíño do concello de Dodro. María Garrido Ares cumprirá en agosto 101 anos e, axudada por un andador, volveu a camiñar tras a rotura de cadeira en xuño do ano pasado. Pero agora, como moito, camiña ata o bonito xardín da casa xa que a pandemia lle impide facer a visita diaria aos seus veciños da aldea. «Polas tardes sempre lle gustaba saír a dar unha volta», conta a súa neta máis nova, Vanessa, coa que reside a centenaria xunto co único fillo desta última, Serafín Romero, e a nora Rosa Ermitas, ademais do marido da neta, Carlos.

«Haino que levar como se pode; aínda que un non queira, ten que ser», conta resignada María Garrido cando se lle pregunta cómo está pasando os tempos da pandemia. Recoñece que «boto en falta» visitar aos veciños e «falar uns cos outros porque non nos queren mal e nós a eles tampouco», di con simpatía a veciña centenaria, que goza de boa saúde pero agora ten que conformarse con «saír a fóra, como moito», di a súa neta. «Estou encerrada», confirma a avoa.

«Foi toda a vida unha muller de falar coa xente da aldea», sinala a nora de María Garrido. Tamén os veciños ían a súa casa a visitala, como pasou despois de que rompese a cadeira, pouco antes de cumprir os 100 anos. «Non é palla», di a muller en alusión a súa idade. O seu fillo e a súa nora pasan dos 70 anos e recoñecen que, antes da pandemia, «saiamos moito; ¿agora a onde se vai ir?», pregunta Rosa Ermitas, que tamén está convalecente tras unha caída na que rompeu unha perna.

A que sae da casa a diario é a neta, para traballar como protésico dental nunha clínica de Padrón. Conta que anda con «coidado extremo» para non contaxiarse e levar o virus a súa casa, igual que o seu home, tendo en conta que residen con tres persoas maiores. «Traballo con dúas máscaras e con guantes; xa non che digo como teño a pel das mans de tanto botar xel hidroalcólico», conta Vanessa. Á pregunta obrigada de se está desexando que a pandemia remate, a avoa centenaria responde lixeira: «Estou e máis ben, pero non se acaba, non».

María Garrido reside co seu fillo Serafín, a súa nora Rosa, a neta Vanessa e o home desta última