Vintecinco anos despois, o valo de Manselle é exemplo de obra colectiva

Esta aldea de Dodro conmemora orgullosa a actuación feita polos veciños


dodro / la voz

O valo de Manselle, no concello de Dodro, é un exemplo de obra colectiva e de unión dos veciños, vinte cinco anos despois da súa construción. Hai un cuarto de século, os veciños da aldea, entre os que había mozos e unha muller, decidiron facer eles mesmos o muro, vendo que o «Concello non quixo axudar», segundo recordan hoxe algúns dos que participaron nesa obra.

A construción dunha pista deixoulles un terreo comunal impracticable para xogar os nenos e aos bolos, mesmo inclinado co que caía a terra, sen contar que se estaba convertendo nun vertedoiro de lixo. «Así non podía estar», lembran, e non o pensaron máis. Como en moitas aldeas daquela, organizaron unha obra colectiva feita aos sábados e días festivos, tendo en conta ademais que, entre os veciños, había albaneis.

«Os primeiros meses íamos sempre un de cada casa, pero pouco a pouco empezaron a fallar», lembra María del Carmen Caeiro Rodríguez, a única muller que participou na construción do muro e que di que todo o que sabía de albanelería o aprendeu do seu irmá «Toda a masa do muro pasou polas miñas mans», conta orgullosa. Nalgún caso fallaron porque se viron na obriga de emigrar, como Fernando Bugallo.

Veciños como Ovidio Rodríguez e Anxo Angueira encargáronse, maiormente, de colocar as pedras mentres o resto daba o material. Tardaron arredor de dous anos e o resultado está á vista: un valo duns 90 metros de longo e con máis dun metro e medio de ancho nalgún tramo, sen contar a altura considerable.

«Aquí hai moita pedra metida e moito traballo tamén», di Fernando Bugallo. Parte da pedra conseguírona dos traballos das estradas que se estaba a construír nese momento e outra parte mercárona. A Asociación de Montes deulles unha subvención, pero so lles chegou para pagar a area e o cemento, recordan os veciños.

Vinte cinco anos despois, o valo está en pe para orgullo de quenes o fixeron e dos que veñen, nalgún caso fillos e netos dos primeiros, e orgullo de toda a aldea. Quedou pendente un proxecto: a construción dunha caseta para ter un sitio resgardado.

O Concello organizou un acto para conmemorar os 25 anos do valo, que incluíu unha exposición de fotografías e a presentación da reedición do libro O valo de Manselle, escrito por un das persoas que máis empeño puxo para facer o muro, Anxo Angueira.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Vintecinco anos despois, o valo de Manselle é exemplo de obra colectiva