Apoio da cultura galega ao Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, co que a Xunta deixa de colaborar

u. lópez DODRO / LA VOZ

DODRO

cedida

O goberno local asegura que o Executivo autónomo lle retirou a súa axuda

17 may 2020 . Actualizado a las 09:29 h.

Un grupo de 160 personalidades do mundo da cultura: escritores, académicos, profesores de universidade e de ensino medio, artistas e activistas culturais asinan un manifesto en defensa do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que convoca o Concello de Dodro e ao que a Xunta lle retirou a súa axuda, segundo fixo público o goberno local.

O executivo municipal informou semanas atrás de que a Xunta deixa de colaborar no certame poético, un dos máis antigos de Galicia, «debido a que non aparece o logo da Xunta no libro premiado na edición 2019 e que non había posibilidade de emenda».

O Concello argumentou por escrito que en ningunha edición do libro gañador se acompañaba o logo da Xunta, pero que «se hai que facelo a partir deste ano, estamos dispostos». Non obstante, non obtivo resposta polo que a Concellaría de Cultura e Patrimonio de Dodro asegurou que vai seguir coas convocatorias, aínda que a Xunta «non colabore nin apoie o premio de poesía máis sobranceiro e importante de Galicia como fixo nos últimos catro anos», segundo o Concello.

Entre os asinantes do manifesto están Marilar Aleixandre, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Chus Pato, Xosé Luís Méndez Ferrín, Anxo Angueira Viturro, Manuel Lorenzo Baleirón, Pilar Pallarés, Cesáreo Sánchez Iglesias, Inma López Silva ou Yolanda Castaño, entre outros.

A concellaría de Cultura e Patrimonio poñerá a disposición da cidadanía e da veciñanza este manifesto para que poidan asinalo. Tamén llo entregou a todos os representantes políticos municipais, que poderán asinalo de maneira individual ou ratificando o texto no próximo pleno da corporación. O xeito de sumarse a esta iniciativa é enviar un correo electrónico con nome, apelidos e ocupación a cultura@dodro.gal

O Concello lembra que arredor da resolución do premio, a comezos de decembro, desenvólvense varias homenaxes ao poeta, que conclúen coa entrega do galardón a finais de ano no colexio Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro. Para o goberno local, este acto «é un dos acontecementos culturais de máis pegada popular dos que se celebran no país grazas á veciñanza, que tan ben acolleu este evento».