Dodro enriquece o confinamento cunha proposta de Endorfinas Culturais

Uxía López Rodríguez
Uxía López DODRO

DODRO

O Concello ofrece unha escolma de recursos en liña

14 abr 2020 . Actualizado a las 17:15 h.

Para paliar os efectos do cese da actividade e do confinamento, e procurar o benestar dos veciños de Dodro, o Concello, a través da concellaría de Cultura e Patrimonio, buscou novas fórmulas para transformar e enriquecer o tempo libre das familias proporcionando unha escolma de recursos culturais e educativos en liña. Así naceu a sección denominada Endorfinas Culturais, unha serie de recomendacións que propoñen unha oferta variada de actividades como cine, lectura, teatro, narración oral, maxia, humor, visitas culturais e iniciativas para o coñecemento do patrimonio natural e cultural, entre outras, accesibles a toda a poboación a través das novas tecnoloxías e Internet.

A concellaría de Cultura é quen se encarga de facer unha selección previa e comparte cada unha das propostas escollidas no perfil do Concello das redes sociais, cunha periodicidade de unha ao día.

Entre os recursos ofertados hai contidos deseñados baixo a fórmula de xogo e que desafían ao público a descubrir e coñecer elementos singulares do patrimonio etnolóxico local, tales como cruceiros, petos de ánimas ou hórreos.

Aproveitando os días festivos, a área de Cultura e Patrimonio propuxo un reto máis complexo á poboación, que consiste na descuberta e identificación de 22 hórreos distribuídos polo municipio (en Dodro existen 223 hórreos inventariados). O Concello manterá esta iniciativa mentres dure o confinamento da poboación e convida a todos a gozar das Endorfinas Culturais que, «ademais de entreter, proporcionan coñecemento e aprendizaxe», segundo explica o concelleiro Xoán Xosé Vicente.