Valentín Alfonsín, alcalde de Dodro: «A oposición ao polígono é parte dunha campaña contra o PP»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez DODRO / LA VOZ

DODRO

MERCE ARES

O rexedor acusa á comunidade de montes Balouta e a un promotor privado de estar detrás dela

30 abr 2019 . Actualizado a las 23:19 h.

«Tales son os intereses que hai na zona que houbo ameazas a cinco comuneiros»

Pese aos malos resultados que obtivo o PP nas eleccións xerais, o candidato deste partido a Alcaldía de Dodro e actual rexedor, Valentín Alfonsín Somoza, (Dodro, 1969) confía en renovar a maioría absoluta que ten dende hai oito anos. «A nosa xestión foi boa; os cidadáns aprecian que somos un goberno próximo a eles e os avances que se están facendo, tanto en infraestruturas como en servizos, son recoñecidos e valorados», asegura.

-O último tramo da lexislatura non foi tranquilo pola modificación do PXOM para crear un polígono industrial en terreos de monte de Cancela Abrea que ían ser concentrados. ¿Como defende esta decisión?

-Quero deixar claro que a campaña de oposición ao polígono industrial se iniciou dende algunhas persoas que rexen a Comunidade de Montes Balouta e Fontecoba e algún promotor privado, co único fin de que non revalidemos o mandato. O Concello non vai desenrolar o polígono industrial nin aí nin en ningún sitio; quedará nas mans dos veciños. Nós non o imos facer, pero preténdese usar iso para alarmar aos veciños co único fin de evitar que poidamos conseguir o apoio necesario nas eleccións. Non ten outro sentido esa campaña de oposición.

-O seu goberno acusou a esa Comunidade de Montes e a propietarios con intereses inmobiliarios de querer paralizar a concentración parcelaria con recursos. ¿Reafírmase vostede nesa acusación?

-Si, é así, pero desexamos e confiamos en que os veciños de Dodro nos dean o seu voto maioritario e a concentración se poida rematar tranquilamente. Doutro xeito, a concentración paralizaríase e perderíase a oportunidade de facer rendible e de progresar na explotación forestal do noso concello. Neste senso, quero sinalar que o interese por evitar que o Partido Popular renove mandato levou a que nas eleccións do ano pasado da Xunta Rectora de montes fosen ameazadas, con deixar sen traballo a familiares, cinco persoas que ían nunha lista contraria a que estaba composta maioritariamente por membros do PSOE e do BNG, co fin de evitar que esa lista nova puidera facerse coa xestión da entidade. Tal é a ansia por parte do PSOE e de promotores privados que teñen intereses nesa zona do monte que os levou a rebasar os límites morais.

-Entendo que vincula as ameazas aos comuneiros coa oposición ao polígono.

-Están relacionadas directamente. O que se fixo foi controlar a comunidade de montes para usar os seus recursos económicos e o seu poder de influencia entre os comuneiros para lanzar esta campaña contra o PP. Nunca esta comunidade de montes estivo tan politizada como está agora e a súa actuación non responde a unha acción social cara os veciños, senón claramente política contra o PP. Para iso precisaban o control da entidade e de aí as ameazas.

-Cando fala de intereses inmobiliarios, ¿a que se refire?

-É evidente que houbo persoas que compraron en torno a 20.000 metros de monte cun claro interese especulativo, de modo que empresas que non son de Dodro nos comentaron que tiñan ofertas para instalarse nesa zona antes incluso de que o Concello dera rematado a modificación do PXOM. As posibilidades de negocio son moi claras: o valor do terreo pode estar entre os 3 e os 6 euros metro e o valor de venta entre os 40 e 45 euros. O negocio é claramente lucrativo.

-¿Que opinión lle merece que un funcionario municipal, que ademais estivo expedientado, vaia na lista electoral do PSOE e de número 2?

-Meréceme respecto, pero o que non pode ser é que use o seu traballo e o acceso aos expedientes para facer política. Os funcionarios teñen moitos dereitos, pero tamén obrigas e unha delas é garantir o funcionamento da Administración e, cando a incumpre, está suxeito a lei, como calquera outra persoa.

-En caso de non renovar mandato, ¿ve posible unha coalición para botalo?

-Ese é o plan que se estableceu nunha reunión da comunidade de montes na que estaba a directiva, o promotor privado e representantes políticos da oposición, na que se falou que había que botar a Alfonsín e iso tiña que vir pola vitoria do PSOE e a Unidade Veciñal, que se tiñan que xuntar.