Dodro fará unha antoloxía dos trinta anos do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo, entregado onte

La Voz DODRO / LA VOZ

DODRO

Álvaro Ballesteros

O Concello de Dodro entregou o galardón a Estevo Creus

17 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Dodro entregou onte o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón nun acto cultural celebrado no colexio que leva o nome do autor de Laíño e ao que asistiron numerosos veciños, entre eles a familia do poeta, e autoridades. O premio recaeu en Estevo Creus pola súa obra O lugar que non hai. É a segunda vez que este autor gaña o certame de poesía de Dodro, que cumpre 30 anos ininterrompidos de convocatorias, algo que destacou o alcalde, Valentín Alfonsín.

O rexedor asegurou que este premio «non é un máis na nómina dos galardóns deste país». Así, Valentín Alfonsín engadiu que, dende a primeira edición, en 1988, o éxito do certame estivo «no traballo dos xurados que seleccionaron aos mellores». Deste xeito, as tres décadas de «excelente colleita poética» quedarán reflectidas nunha antoloxía organizada por Ramón Nicolás, para a que o alcalde xa pediu onte o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, unha vez que o seu responsable, Valentín García, asistiu ao acto no que tamén se presentou a obra gañadora de 2016.