Borran por segundo ano un mural que lembra a Moncho Reboiras en Dodro

Uxía López Rodríguez
Uxía López DODRO

DODRO

Mural de Moncho Reboiras
Mural de Moncho Reboiras CEDIDA

O BNG lamenta que «se intente borrar a súa memoria, coma se fixera dano»

18 nov 2015 . Actualizado a las 12:13 h.

Por segundo ano, o mural que pintaron en Dodro coa imaxe de Moncho Reboiras, veciño do concello que, segundo acreditou o Ministerio de Xustiza, «en defensa do movemento sindical e da súa militancia política nacionalista padeceu ilexitimamente persecución e violencia que motivaron a súa morte», foi borrado dunha columna da vía do tren, preto do cemiterio de San Xoán de Laíño no que está enterrado. O mural fora pintado a iniciativa do Movemento Galego ao Socialismo con motivo do acto do 12 de agosto, que lembra a data do asasinato de Reboiras. 

O BNG de Dodro deu a coñecer o borrado da pintura, que representa unha imaxe sacada dunha foto familiar cun Reboiras mozo e sen bigote. Para o grupo nacionalista, en Dodro «algunhas persoas non se enteraron do asasinato de Moncho Reboiras pese a que o Goberno do Estado reparou a aldraxe daqueles tempos».

Lamenta que no concello non haxa nin unha rúa nin unha praza co seu nome, «só unha imaxe que anualmente borran imbélices e escuros pensamentos, pero nunca a historia», di Xoán Bautista Mariño, edil do BNG. Mariño engade que no concello hai pintados «graffitis e non se borran e mesmo hai columnas con carteis electorais que tampouco se quitan». Por iso, o concelleiro nacionalista asegura que o BNG lle «doe que se intente borrar a memoria de Moncho Reboiras, como se fixera dano», engade.

Tamén considera que para a súa familia (era natural de Imo, onde aínda vive a súa nai) non será de agrado que se censure a imaxe do sindicalista, político nacionalista e opositor á ditadura.

Reboiras foi asasinado en Ferrol en 1975 e o Estado expediu no 2009 ao seu favor unha declaración de reparación e recoñecemento persoal, coa que se honra aos que padeceron inxustamente persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a ditadura.