«O OlloBoi aspira a entrar nas grandes xiras de curtas»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

DODRO

15 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai tres anos, un grupo de mestres que impartían clases nos centros de ensino da comarca puxeron en marcha Rodaxe, unha iniciativa que naceu como un grupo de traballo de carácter pedagóxico pero que, co paso do tempo, logrou traspasar as aulas. A carta de presentación deste colectivo é o concurso audiovisual OlloBoi. A edición deste ano do certame chegará ao punto álxido este venres, cunha gala na que se fallarán e entregarán os premios. Nestes intres, cinco profesores do colexio de Dodro e dos institutos Leliadoura, Coroso, Barraña e A Cachada ultiman os detalles da cerimonia. Traballan coordinados por unha mestra deste último centro, Ana Moreiras.

-Con só tres anos de andaina, o certame OlloBoi acadou xa certa envergadura, ¿era este o gran obxectivo de Rodaxe?

-Si, o certo é que, aínda que nacemos como un grupo de traballo no eido educativo, aspiramos a converternos nunha asociación para o fomento do sector audiovisual; partindo das aulas, si, pero abarcando un eido máis amplo.

-O OlloBoi é, polo menos fóra das aulas, a carta de presentación de Rodaxe...

-É a actividade máis importante, sen dúbida. As propostas que levamos a cabo como grupo de traballo están máis encamiñadas ás aulas, pero o festival é outra cousa. É o medio que temos para que a xente de toda Galicia, sobre todo do eido non profesional, teña un foro común no que difundir os seus traballos e obter un recoñecemento.

-Neste sentido, pode falarse de obxectivo cumprido, pois nesta terceira edición presentáronse 74 traballos ao concurso, ¿a que atribúen o éxito desta convocatoria?

-Hai que ter en contar que é a terceira edición do certame e, polo tanto, empeza a soar en distintos foros. Logo, coidamos moito a campaña de difusión, enviando correos aos centros educativos de toda Galicia e tamén aproveitando as xornadas que se fixeron en Porto do Son, promovidas por SonCine. Por último, démoslle un pulo a nivel publicitario. Penso que a combinación destes tres factores foi a que propiciou a presentación de tantos traballos.

-Pero, ¿proceden a maior parte do eido educativo?

-Si, máis de sesenta son de estudantes de toda Galicia. De feito, desde diversos centros xa nos confirmaron a súa presenza na gala do venres.

-O sistema de votación por parte do público xa está en marcha na Rede, ¿percíbese aceptación a este nivel?

-Polo de agora foron máis de mil os votos que se emitiron a través da Rede, unha cifra que nós consideramos moi importante. Ademais, os interesados aínda poden seguir elixindo o mellor traballo ata mañá, ás 24.00 horas.

-¿Que proceso vai seguirse á hora de conceder os diferentes premios?

-Hai dous galardóns que se outorgarán de forma directa. Trátase do que concede o público a través dos votos en Internet e outro que pertence ao equipo de Normalización Lingüística do Leliadoura. A maiores, o grupo Rodaxe elixirá entre dous e catro, pois queremos diferenciar entre categoría aberta e escolar, pois existe diferenza.

-¿Como se vai desenvolver a gala este venres?

-A identidade dos gañadores vaise dar a coñecer no transcurso da gala e estamos a preparar unha proxección con pequenas partes de quince vídeos. Da entrega dos galardóns encargaranse Luis Avilés e Miguel de Lira.

-¿A onde pretende chegar Rodaxe co OlloBoi?

-Entre nós mesmos hai ese debate aberto. Temos claro que non queremos desvincularnos do marco escolar e queremos promocionar o audiovisual na escola, pero tamén temos vocación de ampliar e dar cabida á categoría profesional.

-¿Aspiran entón a organizar un festival de renome?

-O OlloBoi aspira a entrar nas grandes xiras de curtas. Agora estamos incluso falando con SonCine para que haxa unha liña de traballo coherente en toda Galicia, que inclúa formación e concurso.