María Peinado Casal gana o Premio Laudamuco de textos teatrais

La Voz SANTIAGO

BRIÓN

A entrega do galardón realizouse este sábado na sala de exposicións municipal de Brión

17 may 2026 . Actualizado a las 05:05 h.

A autora coruñesa María Peinado Casal é a gañadora do VIII Premio Laudamuco de textos teatrais, pola obra «Maseira». Entregaron o premio onte, polo Concello de Brión, a edila Rosa Romero; María Barcala, pola Academia Galega de Teatro; e Francisco Macías, por Edicións Positivas, as tres entidades convocantes. O xurado destacou da obra premiada «o seu carácter antibelicista, a súa orixinalidade, temática, uso da lingua e estrutura teatral».

O certame literario «xa ten promovido a escrita de máis de 300 obras de teatro en galego, cumprindo así o desexo de Roberto Vidal Bolaño, ilustre veciño deste concello», como apuntou Rosa Romero.

 A dramaturga coruñesa, que concorreu ao certame baixo o pseudónimo «Shelley Duvall», recibiu unha estatua deseñada por Xosé Vizoso, un exemplar da súa obra editada por Edicións Positivas, que tamén recolleron o máis de medio cento de persoas que encheron a sala municipal de exposicións de Brión; e os 7.000 euros cos que está dotado o premio Laudamuco, o máis elevado de todos os que se convocan anualmente no sector en Galicia.

María Peinado explicou sobre «Maseira» que o libro xurdiu a raíz dunha pregunta da súa filla maior sobre por que hai guerras e por que non se acaban. «Como no sabía que responderlle, empecei a escribir esta peza un pouco como vía de escape».

As personaxes da obra tomaron vida na sala de exposicións de Brión da man de actores e actrices de Teatro Ditea, que puxeron en escena un dos actos de «Maseira» ambientado nunha marquesiña de autobuses de Goiáns (Lalín) onde tres nadadoras de natación sincronizada dialogaban cun tratante de gando local sobre a importancia do porco no Quilómetro Cero de Galicia. Un diálogo cómico sobre os “porcos lalaínos” que agochaba outro máis profundo sobre a existencia humana.