Diego Vidal, artista: «Trato o que acontece, a arte debe reflectir a época na que se fai»

BOQUEIXÓN

O escultor de Boqueixón é un dos creadores galegos emerxentes e na actualidade exhibe a súa obra na Cidade da Cultura
31 ago 2023 . Actualizado a las 13:27 h.A Diego Vidal (Boqueixón, 1997) gústalle pintar e debuxar desde pequeno. Deste xeito, foi encamiñando os seus estudos cara ese ámbito: bacharelato artístico, Escola Mestre Mateo, Belas Artes na Universidade Politécnica de Valencia.... Do seu bo facer artístico falan o Premio Extraordinario de Ensinanzas Artísticas Profesionais de Galicia no 2017 e o segundo posto en Xuventude Crea o ano pasado. Ademais, agora a súa intervención Facendo zapping reloce no Gaiás para invitar a reflexionar sobre a incomunicación na sociedade actual. Un proxecto no que procura a fácil lectura xa que considera importante que na primeira ollada da obra o espectador sexa capaz de entendela.
—Que supuxo para vostede ser seleccionado para facer unha das obras de «Reb/veladas na paisaxe» do Gaiás?
—Foi unha sorpresa porque non me esperaba para nada que me chamaran para isto e foi un pracer traballar con Mercedes Rozas, a comisaria. Como nunca fixera algo así, foi un reto. Xa creara pezas grandes, pero non da magnitude destas. Ao final, estou moi contento de como saíu todo xa que é un luxo poder poñer esta obra aquí no Gaiás. É unha contorna que potencia máis o seu discurso.
—Coas tres figuras humanas pegadas a un móbil, unha delas de costas á unha fermosa vista da cidade, ofrece unha crítica sobre a sociedade actual.
—Penso que máis que unha crítica é unha chamada de atención para repensar algo que temos normalizado e do que non falamos. Trátase de chamar algo a atención sobre como usamos as novas tecnoloxías dixitais e darnos conta do que supón estar inmersos nese mundo dixital e perder o contacto co mundo físico.
—Na súa obra toman especial relevancia os rostros, as caras.
—Sempre traballo co corpo humano, principalmente cos rostros, porque para min é o máis representativo. Nas miñas pezas sempre aparecen deformados ou fusionados con outros obxectos, é como un reclamo para que o espectador se vexa reflectido niso.

—Para vostede é moi importante falar do presente?
—Todas as miñas obras tratan temas de actualidade, o que acontece, porque a arte entendo que debe reflectir a época na que se fai. Para min é importante traballar coa actualidade sabendo que, probablemente, as obras queden obsoletas, pero, como todas as obras, xa que serán o reflexo dunha época determinada.
—Cando se deu conta de que o seu eran as artes plásticas?
—Desde moi pequeno debuxaba e pintaba. Ademais, teño dous irmáns que tamén o facían e era un pouco a competencia entre nós. Entón, como sempre se me dou ben debuxar e pintar fun collendo estudos dese tipo.
—Que proxectos ten?
—Agora estou producindo obra coa intención de facer algunha exposición individual porque sempre participei en colectivas.

—Ten algún artista de referente?
—Eu identifico moito a miña obra coa de Juan Muñoz, sobre todo polo nivel narrativo Tamén está a obra dun escultor chino Johnson Tsang, que traballa moito deformando os rostros.