Ovidio Rodeiro: «Unha das prioridades vai ser a atención ás persoas maiores»
BOQUEIXÓN

O próximo rexedor popular de Boqueixón, que empezou de concelleiro no ano 1999, considera «un honor volver ao punto de partida»
09 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Ovidio Rodeiro (Boqueixón, 1972) convertérase por segunda vez en alcalde electo do seu concello cun amplo apoio da veciñanza, que lle deu o 64,21 % dos votos. Que esta nova etapa política sexa a definitiva dependerá, segundo el mesmo di, do que «queiran os veciños», xa que está moi agradecido polas responsabilidades de ter exercido como director xeral de Xuventude, delegado territorial da Xunta e parlamentario autonómico, cargo ao que ten que renunciar para coller de novo o bastón de mando do seu concello, no que se estreou como concelleiro raso no ano 1999.
—Que supón para vostede a volta á política municipal?
—Poder volver ao punto de partida, onde comecei e tiven a sorte de pasar por todas as áreas, e traballar para os veciños supón un honor. É un privilexio poder volver ao punto de partida. Resulta moi ilusionante porque aquí practicas a política de cara a cara, a do día a día malia que tamén ten moita planificación. Non é como estar no Parlamento ou na Xunta porque os resultados, que poden ser moi produtivos e gratificantes, vense a máis longo prazo e non son tan directos.
—Cal é a fórmula do seu éxito electoral? Que un partido que leva décadas gobernando suba en apoios non é do máis habitual....
—Nós, o cambio practicámolo permanentemente. Nestes anos houbo catro alcaldes e 27 concelleiros electos, o que proba que hai innovación nos equipos, e iso é o que pode explicar o resultado, ademais do traballo e a planificación. Para estas eleccións houbo unha gran renovación na lista incorporando xente nova conservando xente con experiencia. Somos un equipo que está permanentemente en movemento para buscar a mellora, e iso acredita o bo resultado que tivemos.
—Como asume esta nova etapa na alcaldía?
—A miña primeira prioridade serán as persoas. A maior preocupación que teño é gobernar para todos e tentar non defraudar. Sobre a xestión, temos moitos proxectos moi potentes. Unha das prioridades vai ser a atención ás persoas maiores promovendo un centro sociocomunitario que funcione cinco días á semana cun servizo de transporte a demanda e tamén co bus metropolitano. Queremos consolidar o modelo das casas dos maiores, e xa temos solicitudes para abrir varias. Tamén reforzar os servizos de atención á infancia cos programas de conciliación de madrugadores que queremos levar ás tardes. E cubrir os parques infantís das tres escolas unitarias.
—Fala de proxectos moi potentes. Cales serían?
—No ámbito do medio ambiente temos que executar o plan de renovación das luminarias e poñer en marcha a nova depuradora. E traballamos nun novo modelo especial de fosas sépticas nas aldeas ás que non chega o saneamento. Precisamos 60.000 metros cadrados de solo industrial en Sergude para novas industrias e corenta mil máis en Camporrapado para consolidar as empresas xa existentes. Traballamos para reestruturar as parroquias de Sergude, Lamas. Vigo e Loureda, que suman dúas mil hectáreas. E temos que colaborar activamente coa Xunta co proxecto do Pazo de Quián, que nos vai consolidar como a capital do medio rural de Galicia. E facer sendas para facilitar a comunicación cos núcleos máis urbanos das parroquias.