O Pico Sacro

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi AO CONTADO

BOQUEIXÓN

05 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando era neno miraba ao Pico Sacro e parecíame unha cima maxestuosa, solemne, inconquistable. Canto máis me fixaba, máis alta semellaba. Incluso podía imaxinar a presenza de neves perpetuas. En realidade, non era máis que o granito do cumio, humedecido pola choiva e iluminado por un solitario raio de sol. Alí tiñamos, en Boqueixón, na estrada de Santiago a Ourense, o noso particular oito mil, coas súas lendas e as súas covas. A medida que fomos crecendo, a montaña foise facendo máis e máis pequena ata converterse no que é en verdade, un monte, como moitos outros. Reparei nisto non hai moito, cando vin a Feijoo e a outros subir á cima en vaqueiros, camisa e zapatos, como quen sae a pedir o voto un domingo de campaña electoral. Logo decateime de algo máis descorazonador: alí, en pleno cume, reuniuse a xunta directiva do PPdeG. Non me imaxino á cúpula do partido no Aconcagua, tan tranquilos, movendo os fíos.

Cada vez que collo a estrada que vai cara a Ourense, advírtolles aos meus fillos da presenza do Pico Sacro. Baixo o volume da radio e empezo a relatar a lenda: «Na mitoloxía galega, a Raíña Lupa mandou os discípulos do apóstolo Santiago ó Pico Sacro para que construísen un sepulcro para o apóstolo, sen saber estes que no lugar estaba a cova do Inferno, e que alí vivía un dragón». Entón, eles miran desde o coche, con eses ollos moi abertos, con esa mirada infantil que so se produce cando se mesturan o medo e a fascinación.

Mentres escoitan moi atentos, eles fixan a vista moi arriba, como se o pico, que é pequerrechiño, medira uns oito mil metros.