Perfecto Barcala: «A miña relación co PSOE é como a dun matrimonio cunha separación amistosa porque hai fillos en común»

emma Araújo PERFECTO BARCALA

BOQUEIXÓN

Perfecto Barcala foi ata o mércores secretario xeral do PSOE en Boqueixón.
Perfecto Barcala foi ata o mércores secretario xeral do PSOE en Boqueixón. XOÁN A. SOLER

O concelleiro tivo que renunciar aos cargos do partido ao apoiar unha iniciativa cidadá

30 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Perfecto Barcala, que ata este mércores foi secretario local do PSOE de Boqueixón, afronta unha nova etapa política ao apoiar abertamente una candidatura veciñal na que tamén participa outro concelleiro de Anova co obxectivo de loitar contra a maioría absoluta do Partido Popular.

-¿A súa saída do PSOE por apoiar una alternativa cidadá foi unha sorpresa para vostede?

-O que pasou foi o normal. Os partidos teñen unha normativa e uns estatutos que establecen que un militante non pode participar noutra candidatura. O partido ten que cumprilos e eu teño que cumprir co meu, que é apostar por axudar á xente neste proxecto para facer un novo tipo de política impulsada polos veciños. E isto non quere dicir que eu vaia ir na lista.

-¿E houbo sorpresa no PSOE ao coñecer a súa aposta por una opción fora do partido?

-Houbo conversas previas hai dous ou tres meses. Comentamos no partido o que se podía facer e falamos de que cabía a posibilidade desta alternativa. Ao final, as cousas adiantáronse un pouco, xa que pensabamos que o anuncio da iniciativa veciñal ía ser un pouco máis tarde.

-¿Haberá lista do PSOE en Boqueixón?

-Non o sei. Por parte da agrupación local e dos militantes, cos que eu falei, penso que non vai haber lista. Pero ao final quen decide é o partido.

-¿E cal é agora a súa relación coa familia socialista?

-Quero dicir que a min o partido non me forzou a nada. A miña relación co PSOE segue sendo boa, eu diría que excelente. Eu entendo o seu criterio e eles o meu. Agora é como a dun matrimonio cunha separación amistosa porque hai uns fillos en común que criamos xuntos e que temos que coidar.

-¿Cree entón que o partido socialista non está a entender o que demanda a cidadanía?

-A proposta da candidatura aberta é unha novidade, e pase o que pase nas eleccións, o que é certo é que en Boqueixón vai haber un cambio na maneira de facer política. Os partidos, como en todo, móvense en función da xente que está neles, aínda que ás veces van a remolque. Pero imaxino que co paso do tempo corrixirán a súa traxectoria.

-¿Como chega vostede á conclusión de que a mellor opción é unha alternativa veciñal?

-Eu xa veño do movemento veciñal. No ano 1989 fundei a primeira asociación de veciños de Boqueixón, da que fun presidente catro anos. É como cando unha persoa que nace nun sitio se enterra no mesmo lugar cando morre. A política ten que ser temporal. Este movemento xorde porque cando falas coa xente o que pide é outra vía fora das siglas. E isto tamén lle vai pasar ao PP, e especialmente ao PP de Galicia.

-¿Cal é súa diagnose do Concello de Boqueixón?

 

-Boqueixón tivo neste mandato que vai rematar dous graves problemas. O primeiro foi o intento de fusión co municipio de Santiago, que provocou o nacemento dunha plataforma veciñal para opoñerse súa desaparición. E logo chegou a operación Pokémon, co alcalde detido. A xente está cansa.