«As gañas de actuar aquí veñen de lonxe»

Brais Capelán

BOIMORTO

.

A recoñecida cantante monfortina presenta este mediodía no Festival da Luz o seu último traballo: «Nada que perder»

11 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festival da Luz chega hoxe á súa derradeira xornada tras dous días cargados de música e actividades de todo tipo. Boimorto encheuse de xente para gozar do quinto aniversario dun evento no que onte arrasaron os ribeirenses Heredeiros da Crus. Polo escenario aínda quedan por pasar moitos artistas como Hombres G, Triángulo de Amor Bizarro ou José Mercé. Outro dos nomes propios do día é o de Rosa Cedrón (Monforte de Lemos, 1972), que estará no Escenario da Luz a partir das 13.40 horas. A que fora vocalista de Luar na Lubre ven de publicar o seu segundo disco en solitario: Nada que perder. Con este traballo a cantante afirma que explorou toda a liberdade de facer música, desmarcándose de estilos e xéneros. A monfortina ofrecerá un concerto «moi concentrado» e no que non faltarán temas xa coñecidos e algún inédito.

-¿Que lle parece o Festival da Luz?

-É unha pasada. No musical xa ten moi boa pinta, pero tamén desde o punto de vista das nais e pais coma min, pos é incrible que haxa espazos que acollan aos máis pequenos.

-É un festival para toda a familia.

-É incrible. Ademais é benéfico. Cada ano vai a máis.

-¿Como é o seu último traballo?

-Nada que perder é un disco que tiña na mente facer dende un pouco antes de deixar Luar na Lubre. Foron case nove anos dende o meu primeiro disco en solitario, pero si que foi un tempo que empreguei para meditar moito. De feito, cando vin a posibilidade de facelo, xa sabía como quería que fora e non o dubidei. A proba está en que normalmente ao rematar un traballo quedas con gañas de cambiar algunhas cousas, pero eu non lle poría ningunha pega.

-¿Foi difícil sacar adiante este proxecto tras nove anos?

-Foron moitas cousas as que influíron. Polo camiño fun nai e quixen parar un tempo para dedicarllo á pequena. Tamén viña de estar un proxecto musical moi específico como é Luar na Lubre. O feito de ter en mente facer a miña propia música dun modo diferente tomoume tempo. Cada un ten que ir atopando polo camiño ás persoas que o acompañen, e iso tamén leva moito. Se queres soar diferente, tes que ir atopando eses elementos que o fagan posible.

-¿Dende cando leva con este traballo?

-Despois de tanto tempo meditándoo, o proceso foi moi rápido. Nun período dun ano xa o tíñamos listo. Facer un disco leva tempo, ten un proceso moi laborioso. O público debe saber que cando paga por un disco non só o fai por un plástico con mp3 gravados.

-¿Que abarca exactamente o xénero do «world music»?

-Eu sempre digo que as etiquetas non me gustan moito. Neste caixón das músicas do mundo ao principio había temáticas máis específicas, máis étnicas. Pero agora hai músicas que encaixan en moitos xéneros. Eu, por exemplo, no meu traballo hai moitas vertentes estilísticas. Cando me preguntan que tipo de música fago, respondo: «Eu fago música».

-¿Como vai ser o concerto?

-Vai ser un concerto moi especial. As gañas de actuar en Boimorto e no Festival da Luz veñen de lonxe. Ademais, ten que ser un concerto moi concentrado, pois nos festivais o horario é o que é. Preparamos a actuación especificamente para este momento. Terá moito de Nada que perder, pero tamén haberá tempo para as cancións de sempre e algunha que outra inédita, que aínda non viron a luz.

-¿É difícil para artistas do seu estilo musical ter presenza en festivais como os que se organizan na actualidade?

-É difícil porque os festivais hoxe en día son moi específicos. Pero ultimamente búscase facer propostas diferentes e hai público para todo. Xa cando estaba con Luar na Lubre miraba para o público e atopábame co típico heavy que baila as túas cancións. Moita desa xente que ves nun festival de rock tamén a ves noutro tipo de concertos. Gústalles a música, sen máis. Si que é complicado atopar un sitio nestes festivais, pero tamén eu afasteime do que é música tradicional, buscando evolucionar. Pero penso que o meu disco encaixa ben dentro destes acontecementos.