A Universidade de Vigo defende xentilicios como amesán, pinés, melidao, roisiño ou santiseiro

Amiense é para as e os de Amio (Santiago), afirma, e fai propostas dos concellos da zona, excepto de Boimorto

la voz

Un amiense é unha persoa de Amio (Santiago). En Ames son amesán (masculino) ou amesá (feminino). Así consta no volume Os xentilicios de Galicia e dous outros territorios de lingua e cultura galegas, editado pola Universidade de Vigo e difundido pola Xunta. Neste volume hai propostas para os xentilicios de todos os concellos das comarcas próximas a Compostela, excepto Boimorto. O autor, Xosé-Henrique Costas, afirma que utilizar «amiense» para Ames é un exemplo de formas «disparatadas» ou «barbaridades» máis clamorosas entre as vixentes no país.

Para a xente da Baña propón bañés e bañesa, e desaconsella o/a bañense (afirma que, de ser o étimo avania, o xentilicio culto sería avaniense). Para Dodro recomenda dodrés e dodresa, mellor que o/a dodrense. Para Frades defende fradés e fradesa, mellor que o/a fradense. Para Melide, melidao e melidá, e non o/a melidense, e para este xentilicio sinala que o cultismo, en todo o caso, debería ser melitense.

Para Negreira propón negreirés e negreiresa. Indica que «non entendemos por que se inventou un xentilicio culto con c, nicrariense, que de seu xa é incorrecto». Segundo o profesor vigués, de proceder do latín niger, debería ser coa letra g, e por tanto o/a nigrariense, aínda que desaconsella esta forma.

Para Ordes opta por o/a ordense, polo uso consolidado que teñen. Para Rois propón como formas correctas roisiño e roisiña, e desaconsella o/a roisense.

Outras formas correctas, segundo esta proposta, son: de Arzúa, arzuán (masculino) e arzuá (feminino); de Boqueixón, boqueixonés e boqueixonesa; de Brión, brionés e brionesa; de Oroso, orosán e orosá; de Padrón, padronés e padronesa (e de Iria, neste Concello; o/a iriense); do Pino, pinés e pinesa; de Santa Comba, santacombés e santacombesa ou xalleiro e xalleira; de Santiso, santiseiro e santiseira; de Vedra, vedrés e vedresa.

Outras propostas son: para Toques, toqués e toquesa, mellor que o/a toquense. Para Tordoia, tordoiés e tordoiesa, e non o/a tordoiense. Para Touro, tourés e touresa, e non o/a tourense. E para Trazo, tracés e tracesa, e non o/a tracense.

Teenses e carabuñeiros

Para Teo defende o/a teense, pola consolidación que teñen atinxido estas formas, aínda que sen convencemento. Xulga que de ser Teneo o étimo (a raíz de que deriva) de Teo, como sospeita o autor aínda que di que non o sabe con certeza, nese caso «o xentilicio debería ser teneenses».

Alén diso, e segundo este estudo da Universidade de Vigo, teense é un «xentilicio pretendidamente culto creado pola prensa moi recente para este concello. Os da propia parroquia de Teo son popular e historicamente carabuñeiros, os de Lucí piteiros, os da Ramallosa (onde está o consistorio) ramallosos, os de Calo, caleados, os de Cacheiras queimados, os de Luou carroucheiros, etc.».

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
1 votos
Comentarios

A Universidade de Vigo defende xentilicios como amesán, pinés, melidao, roisiño ou santiseiro