Fin de semana da Festa dos Botes en Arzúa, que quere ser a máis multitudinaria

La Voz SANTIAGO

ARZÚA

Rende homenaxe á xeración de 1982, responsable de recuperar a celebración

07 ago 2026 . Actualizado a las 08:00 h.

7, 8 e 9 de agosto • Arzúa • De balde • A asociación Xuventude Arzúa (XA) presentou a 43ª edición da Festa dos Botes, que este ano rende homenaxe á xeración de 1982, responsable de recuperar a celebración tras a súa censura durante o franquismo. A organización salientou o papel de Jorge de Castro, Ramón Villanueva, Cesáreo Bendaña, Jorge Rodríguez e Manuel Pimentel, impulsores dun legado que leva máis de catro décadas transmitíndose entre a mocidade. De Castro será o encargado de pronunciar o pregón o venres 7 de agosto, dando inicio a unha fin de semana festiva que incluirá tamén a tradicional procesión de Cutinocho. 

O acto contou coa presenza de representantes do Concello e da Deputación da Coruña, entidades ás que a organización agradeceu o seu apoio. A programación inclúe propostas para todos os públicos, con actividades de arte urbana, concertos e xogos populares xa na primeira xornada. O sábado 8, día grande, haberá sesión vermú, animación de rúa e citas como o Memorial Luís Veiga. Co atardecer darán comezo os concertos de Familia Caamagno, Las Petunias, 9Louro, Mala Gestión, Galician Army, Banana Joe e Mahía b2b bbWav.

O domingo, a festa trasladarase a Ribadiso cun xantar popular, actividades infantís e música. Durante toda a fin de semana celebrarase tamén un mercado de artesanía. A organización destaca o carácter gratuíto da programación e reivindica o papel da mocidade na dinamización do rural. A Festa dos Botes ten aberto o «Bote dos Botes», no que facer doazóns a través de Goteo.