A historia da Casa de Rosalía, ao descuberto na vila pobrense

M. X. B.

ARZÚA

cedida

29 mar 2022 . Actualizado a las 14:31 h.

A praza do Emigrante pobrense ofrece estes días a posibilidade de coñecer a historia da Casa de Rosalía. Un conxunto de paneis alí instalados fan posible obter unha idea do fito que supuxo, en pleno franquismo, conseguir mercar, restaurar e musealizar o edificio grazas á colaboración de entidades e persoas que achegaron o seu grao de area.

Precisamente, unha das partes da mostra está dedicada ás colectas que se levaron a cabo e ás que se uniron máis de 70 concellos, entre eles, o da Pobra, que fixo unha achega económica de 5.000 pesetas. Tamén participaron centos de persoas anónimas, case todos os centros galegos na emigración, bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións.

A Casa da Matanza abriu ao público o 15 de xullo de 1971, pero non foi ata o ano seguinte cando sería musealizada a partir do proxecto realizado por Xosé Figueira Valverde. Por iso a celebración do 50 aniversario, que comezou o pasado verán, se prolongará ata xullo.

Na Pobra, a exposición foi inaugurada polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; pola deputada María Muíño e polo concelleiro Xabier Santos. Asistiron un grupo de alumnos do colexio Salustiano Rey Eiras, que gozaron dunha visita guiada para a que se contou coa presenza da actriz Tero Rodríguez, que interpretou á escritora do Sar.

Tralo paso pola vila barbancesa, onde estará ata o 5 de abril, a exposición viaxará a Arzúa, para percorrer despois outras localidades galegas.