A vida de Castelao, día a día

Miguel Anxo Seixas Seoane entrega o segundo tomo da súa biografía, centrada nos anos 1931-39

Castelao, retratado por Pacheco
Castelao, retratado por Pacheco

redacción / la voz

«Castelao foi unha persoa excepcional, autor tamén dunha obra excepcional da que a súa vida foi unha parte importante, pero esa era precisamente a parte que non puido escribir, polo que necesitaba que escribíramos entre todos». Con este espírito acometeu a tarefa de redactar a biografía do escritor, artista e político o vicepresidente da súa fundación, Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1960), que vén de entregar o segundo tomo de Castelao. Construtor da nación (Galaxia-Consorcio de Santiago). Se as 1.334 páxinas do volume precedente abranguían de 1886 a 1930, as 1.500 desta nova entrega céntranse en apenas unha década, mais entre 1931 e 1939 a intensidade da súa actividade política xustifica o reconto polo miúdo.

Como xa fixera na anterior achega, o biógrafo constrúe un minucioso relato que permite acompañar a Castelao case día a día, inserido ademais no seu tempo e circunstancias. «Son consciente de que nunha biografía o contexto é igual de importante que o personaxe», explica Seixas Seoane. «Hai quen o coloca enriba dun pedestal, coma se fose unha escultura e a realidade non lle afectase. Eu prefiro imitar unha película, na que o contexto permite explicar por que reacciona como reacciona, ou entender a relevancia dos datos», engade.

Nesta década crucial para a historia do país, a personalidade política de Castelao colócase nun primeiro plano, mesmo se as súas aspiracións principais ían por outro lado: «El, de entrada, quere ser artista, un gran pintor, malia os problemas de saúde que lle afectan á vista». Isto mesmo é o que fai que sexa Vicente Risco unha figura máis relevante no nacionalismo galego. «Pero a República activou novos actores, unha nova xeración, e entran en xogo xente como Alexandre Bóveda e Víctor Casas», describe Seixas. Eles apelan ao capital político e a experiencia de Castelao para traballar polo que ven como a única ferramenta que permita o progreso de Galicia: un estatuto de autonomía. Esa é a teima de Castelao, quen centra os seus esforzos en conseguir a súa aprobación, durante os anos da República primeiro e logo xa durante a Guerra Civil.

Miguel Anxo Seixas, biógrafo de Castelao
Miguel Anxo Seixas, biógrafo de Castelao

Desterro e exilio

A actividade política tivo tamén un custo persoal para Castelao, quen viviu un duro desterro en Badaxoz nos anos republicanos e logo a conmoción dos tres que se prolongou a guerra. En Estremadura, o galeguista morría «de morriña», segundo escribiu repetidas veces. «Foi un exilio duro porque trala morte do fillo a muller e mais el se apoiaron moito e a soidade e a separación foron duras», evoca Seixas, quen cre que Castelao tamén tirou proveito do arredamento forzoso: «Permitiulle ver outra realidade de España, a el, que viña da terra do minifundio, e púxoo en contacto cos latifundios».

A Guerra Civil, porén, asañouse con Castelao, causándolle unha dor tremenda no persoal e no político. «O golpe cólleo en Madrid e de inmediato ponse ao servizo da República, como demócrata e federalista que era». A sublevación impúxose en Galicia en poucos días, o que desatou unha represión cruel e que Seixas, que incorporou á biografía a lectura dos últimos traballos investigadores sobre o fenómeno, considera esaxerada. «Galicia pagou un prezo altísimo. Non foi froito dunha tolemia, senón que estaba todo planificado, porque os golpistas sabían que precisaban do terror para triunfar», analiza. A Castelao, xa que logo, chegábanlle a Madrid noticias confusas, erróneas ou esaxeradas sobre o paradoiro ou posible morte de familiares e amigos.

Ao impacto emocional hai que sumar a conmoción política. Castelao vía na contenda o resultado do que consideraba a falta de olfacto político dos gobernos republicanos. É desacougante, á luz do que habería de vir, o relato que fixo Otero Pedrayo do seu encontro a comezos de 1936, cando Castelao vaticina amargamente que «vai vir unha guerra terrible». «E perderémola nós, os de sempre, os de esquerdas», engade. O intelectual, que perdeu a fe na Segunda República e xa fía as súas esperanzas a unha Terceira, federalista por fin, segue a teimar no estatuto, un esforzo que asumirá case en solitario no exilio, unha xeira que Seixas abordará no terceiro e derradeiro tomo da biografía. «Fixo moito con moi poucos medios. E se temos agora estatuto, é grazas a el», di o biógrafo.

A guerra tamén deixou pegada no traballo artístico de Castelao, cunha repercusión internacional que Seixas sostén que cómpre valorar máis. Os seus debuxos expuxéronse en Moscova e Nova York. Cidades nas que Castelao viu O acoirazado Potemkin na primeira e paseou por Broadway na segunda: o que se lle pasou polo maxín neses intres non pode recollelo unha biografía, pero si é un convite á imaxinación dos lectores.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

A vida de Castelao, día a día