Benedicta Sánchez reivindica a Galicia e a muller rurais na Festa do Queixo

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol ARZÚA / LA VOZ

ARZÚA

A actriz pregoou a mostra de Arzúa, que busca ser de Interese Turístico Nacional

01 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non estraña que Benedicta Sánchez suba chanzos en popularidade e admiración cada vez que asiste a un acto público. Gaña nas distancias curtas a galega que tantas simpatías espertou cando recolleu o Goya á mellor actriz revelación polo seu papel no filme O que arde. Onte en Arzúa, esta lucense do Corgo, de 84 anos, non escatimou en tempo nin en paciencia para retratarse coa moita xente que así llo pediu para inmortalizar o seu paso pola localidade, onde bendiciu a cuadraxésimo quinta edición da Festa do Queixo cun sentido pregón co que honrou a Galicia rural e reivindicou o decisivo papel da muller no seu sustento, «tan importante e fundamental, pero, ás veces, tan agochado, limitado e falto de recoñecemento», dixo.

A través da figura da vaca, Benedicta Sánchez foi quen de retratar o xeito de vida outrora nas aldeas. Dende a súa experiencia vital, lembrou e avogou por rachar os roles de xénero, e ante os cambios que impón o paso do tempo, apostou por acadar un equilibrio «entre os avances e a conservación da nosa identidade. Por iso -engadiu- me sinto moi orgullosa e feliz de estar na Festa do Queixo de Arzúa, pregoando este alimento tan saboroso, esta arte culinaria que foi pasado de nais e pais a fillas e fillos, que forma parte da nosa cultura, e que hai que conservar como sinal de identidade desta Galiza agraria e gandeira que non se debe abandonar». Na evolución que a actriz observou na Festa do Queixo fixo fincapé o alcalde de Arzúa, José Luis García López, quen explicou que a elección da pregoeira foi «non só por todo o recoñecemento que está recibindo polo seu traballo na película O que arde, senón tamén pola súa filosofía de vida que se corresponde moi ben coa filosofía na que se basea dende hai 45 anos a Festa do Queixo. Vostede representa como ninguén a moitas persoas maiores que aínda existen no rural». O rexedor arzuá aproveitou a presenza do conselleiro de Medio Rural, José González, e de representantes do goberno provincial para pedir o respaldo de Xunta e da Deputación na procura dun «anhelo» para os veciños: que a Festa do Queixo sexa declarada de Interese Turístico Nacional.

Os arzuáns fan máis súa ca nunca a cita, distinguindo a traxectoria de oito veciños e colectivos 

Os veciños de Arzúa presumen este ano máis ca nunca da súa Festa do Queixo. A presenza como pregoeira da actriz galega Benedicta Sánchez puido máis que a inestabilidade meteorolóxica, e a xornada inaugural estivo onte máis ateigada de xente que en pasadas edicións. Á mellor resposta do público ao acto inaugural, e á maior afluencia a un recinto no que se expón o produto de máis de medio cento de queixerías, o corenta e cinco aniversario da festa engadiulle o recoñecemento a oito veciños e colectivos polo seu destacado labor nos seus ámbitos de traballo.

O aplauso «máis forte» da xornada pediuno Fran Cañotas «para cada un dos máis de 6.000 veciños que tamén son arzuáns do ano porque sodes quen facedes Arzúa no día a día». O xornalista arzuán, que presentou o acto de apertura da Festa do Queixo con Lydia Veiga, foi, xunto coa actriz tamén arzuá, un dos veciños distinguidos nun acto no que tamén se recoñeceu ao astrofísico Damián García, así como a traxectoria de Radio Arzúa, da Rondalla Moraima, da Aula de Educación de Adultos e das queixerías locais Barral e Galmesano.

Todos eles tiveron palabras de agradecemento para cos seus paisanos, porque, como dixo, pola parte que lle tocou, Armando Cascón, director da emisora municipal, «sen a vosa calor, isto non sería posible». E a calor humana venceu ao frío no festival que, xa pola noite, reuniu sobre o escenario a El Capitán Elefante, Tequila, Novedades Carminha e Ladilla Rusa.