«Con tal de non perder na Lomba, xa viremos contentos»

O presidente do Arzúa rexeita a etiqueta de equipo revelación da Terceira


vilagarcía / la voz

O Arousa recibirá este domingo na Lomba o que é o equipo revelación do grupo galego da Terceira consumidas as seis primeiras xornadas de Liga. Un Arzúa que na súa tempada de estrea na categoría, chegará a Vilagarcía instalado na quinta praza da clasificación provisional con 10 puntos, os mesmos có Barco, cuarto en zona de promoción de ascenso, e co seu anfitrión, sexto. Porén, o presidente do club coruñés, Víctor Manuel Gómez, nega a maior: «Para ser o equipo revelación falta moito».

O mandatario do Arzúa subliña o calendario como aliado da extraordinaria traxectoria dun equipo que desde a súa creación, en 1967, non xogara nunca antes na Terceira: «Se miras o calendario, ves que inda non xogamos con ningún equipo forte», di. Estradense (1-0) e As Pontes (2-3), vítimas nas dúas primeiras xornadas, son compañeiros de ascenso a pasada primavera. Un empate a uns na casa ante o Silva na terceira xornada, e a goleada, 3-0, sobre o Paiosaco, terceiro pola cola da clasificación, foron os outros caladoiros nos que se alimentou o Arzúa, que caeu 4-0 co Racing Vilalbés e 2-1 a mans do Somozas. «Somos un equipo que imos pelexar pola permanencia. Non contabamos cun inicio así, pero tamén sabiamos que iamos comezar con equipos do noso nivel», conta Gómez, cos que se xogarán a vida na Terceira.

Na Segunda Galicia hai tan só oito anos, a condición de modesto do Arzúa queda reflectida na sua aposta por ascender co groso do cadro de xogadores cos que deu o salto de categoría tras un lustro na Preferente. E para completar o equipo, «fichamos máis ben rapaces novos, con ganas, e con moita proxección», sinala Gómez. Cun acordo de cesión co Dépor co que chegaron os irmáns xemelgos Israel (lateral) e Álex Pérez (interior), recén saídos de xuvenís, e Víctor Guedes (mediapunta), do Laracha. Só o outro Israel, porteiro procedente do Sariñena, fichou co cartel de Terceira, cos defensas Fernando, Álex Vázquez e Édgar acompañando o adestrador do Arzúa, Alberto López, desde unha Sarriana que pelexara co cadro coruñés a tempada pasada pola segunda praza de ascenso.

Segundo goleador da Liga

Israel, na portería, Édgar e Fernando no centro da zaga, Diego Enjamio e Marcos García como mediocentros de contención, e Iker Hurtado na punta de ataque, con 37 tantos a tempada pasada na Preferente, e nesta con 5 que o sitúan como segundo máximo goleador do grupo galego da Terceira. Estes son os futbolistas que compoñen a espiña dorsal do próximo rival do Arousa, despregados polo xeral en 4-1-4-1 ou en 4-4-2.

Preguntado polo plan de acción do seu equipo para o domingo, o presidente do Arzúa dubida que os seus saian a polo balón: «Con tal de non perder na Lomba, xa viremos contentos».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Con tal de non perder na Lomba, xa viremos contentos»