Jesús Baleato: «Cando cheguei dixen que viña a destacar e non a pasar desapercibido»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

ARZÚA

SANDRA ALONSO

Está contento tamén «polo rexurdir da masa social do club, algo morta nos primeiros partidos e espectacular co seu apoio nestas últimas semanas», lembra o técnico de Val do Dubra

30 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Jesús Baleato (Val do Dubra, 1954) xa non lembra cantos ascensos leva na súa longa traxectoria como adestrador. «Xa van 13 ou 14, pero non sei con exactitude. O certo é que non lle dou moita importancia a isto, pois non é cousa dunha soa persoa. Cando se ascende, sempre o fai un grupo moi amplo de traballo», di o técnico do Arzúa, conxunto que o domingo en A Estrada asinou un histórico ascenso á Terceira División.

-¿É unha sorpresa que o Arzúa xogue o curso que ven na Terceira División?

-Este proxecto foise a construír pouco a pouco. Cando me fixeron a oferta de vir, xa vin que o equipo tiña certas posibilidades de progresión. Así o dixen. Cando cheguei comentei que viña a destacar e non a pasar desapercibido. Xa falei da palabra ascenso cando cheguei e agora é moita a ledicia que teño logo de acadar o obxectivo. Contento tamén polo rexurdir da masa social do club, algo morta nos primeiros partidos e espectacular co seu apoio nestas últimas semanas. Logo teño que destacar o compromiso da xunta directiva.

-Aos poucos días de chegar ao cargo xa empezou a falar de ascenso, ¿por que?

-Sabía que a categoría contaba con equipos moi poderosos, pero nós de principio non estabamos dispostos a renunciar a nada. O noso traballo diario fixo que fósemos cada semana mellor equipo.

-¿Nalgún momento veuse lonxe do ascenso?

-Non. Tivemos uns cantos empates na casa que nos restaron posibilidades, pero foron circunstancias propias do xogo. Sempre tiven moita fe nos recursos deste equipo para chegar ata o último momento con vida.

-¿Quen ten máis mérito neste ascenso, vostede ou Iker Hurtado?

-Os números de Iker son grandes, marcou moitos goles (35) e acadou moitos puntos. Ollamos o rexurdir dun xogador extraordinario, pero detrás diso están todos os outros compañeiros que lle deron moitos pases de gol.

-¿Cal foi a clave do éxito?

-O traballo diario. Faciamos tres sesións por semana e tiña claro que non podiamos perder o tempo. Sempre se traballou cun plan preestablecido que sabiamos que tiña que dar os seus froitos.

-¿Que atopou cando chegou no verán a Arzúa?

-Percibín un gran recibimento ao adestrador. O certo é que foi espectacular. Atopei uns directivos que confiaron plenamente nas miñas ideas. Tiven un apoio total e notei un bo ambiente nas rúas, na afección, e xente con moita implicación.

-¿E que Arzúa temos agora?

-Gañou en confianza e en protagonismo. Agora hai que gozalo e valoralo, tanto a xente como as institucións e todos os que se atopan arredor do club.

-¿Non era mellor acadar este ascenso na vosa casa?

-Xa, pero non fomos quen de facelo. Sería o ideal. Pero non facelo o domingo anterior tamén nos permitiu vivir toda a semana dun xeito diferente, cunhas 600 persoas que nos acompañaron ao campo do San Martiño, que demostraron que tiñan moita fe. Iso fai máis afección.

-¿E que pasará na vindeira tempada?

-Levamos pensando e analizando dende o Nadal o futuro do club. Faltan moitas cousas por facer e non sei se seguiremos xuntos. Penso que a idea é favorable neste sentido, pero xa se falará. Agora só queriamos estar moi concentrados no deportivo.

-¿Cantos xogadores da plantiña quedarán na Terceira?

-Por min quedarán todos. Merecen a honra de ter a posibilidade de estar na nova categoría, pero nestes momentos non teño a capacidade para decidir porque aínda estamos a gozar do que gañamos logo de tantos meses de traballo. Esta semana estarei fóra e supoño que o club non tardará en chamarnos a todos logo da euforia. Hai que pensar nun futuro coas bases moi ben asentadas e definidas.

-¿Hai moita diferenza entre a Preferente e a Terceira?

-A diferenza é abismal. Non hai color. Xa tiven a fortuna de pasar por esta etapa no Dubra e en Terceira comprobas dende o primeiro día que cambia todo, a forma de xogar, a organización, o valor dos xogadores, os equipos... É un cambio do día á noite. Na Terceira hai equipos cuns orzamentos impresionantes. Lembro cando ascendemos co Dubra. Mantivemos os orzamentos e incorporamos un par de xogadores. Non chegou para nada.

-¿Xa está a mirar o mercado?

-Nesta tempada contei só con dezaseis xogadores e un xuvenil. Ao longo do ano non quixen contratar a ninguén máis. Non tivemos lesións. Neso tivemos sorte, aínda que fomos a algúns encontros con trece e catorce futbolistas nada máis. Fomos alternando a todos os compoñentes da plantiña e contamos cunha boa fortuna neste caso.