Homenaxean á xuíza de Arzúa polo seu labor a prol do galego

Natalia Rodríguez Noguerol
Natalia Noguerol MELIDE / LA VOZ

ARZÚA

cedida

A maxistrada Isabel Suárez ditou en 2011 a primeira sentenza no idioma propio da comunidade no xulgado arzuán

26 feb 2019 . Actualizado a las 02:56 h.

«[...] debo condenar e condeno aos demandados a pagar á actora a cantidade de 33.039 euros, máis os xuros legais dende a intimación xudicial. Todo isto con imposición de custas á entidade demandada. [...]». É un estrato da primeira sentenza ditada en lingua galega no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Arzúa. Asinouna o 1 de abril de 2011 a titular do xulgado con sede na localidade arzuá, Isabel Suárez García, que onte recibiu unha homenaxe de profesionais do seu ámbito por ter ordenado a primeira decisión en galego no xulgado de Arzúa e polo seu labor diario a prol do uso do idioma propio da comunidade na administración de Xustiza.

A Irmandade Xurídica Galega, integrada por máis de 250 profesionais do ramo, impulsou o recoñecemento no marco do traballo que desenvolven para que «o galego se incorpore con cortesía ao uso normal das actividades xurídicas do noso país», explicou Xoaquín Monteagudo, presidente do colectivo, que cedeu a palabra a quen conviven no desempeño do seu traballo cunha maxistrada que confesou actuar coa coherencia coa que o seu avó materno lle recomendou vivir no que foi o seu último consello. «Falo e escribo na lingua que me viu nacer», dixo Isabel Suárez, para quen os profesionais da Xustiza cos que convive só tiveron palabras de gabanza.

O letrado Xesús Portos atribuíu o uso do galego por parte da xuíza a un acto de «coherencia e lóxica lingüística», xa que supón «levar ao ámbito laboral o que fai no ámbito persoal». Por iso, chamou a atención sobre o feito de que «tiveran que pasar oito séculos para que nunha zona onde é predominante o uso do galego se ditase a primeira sentenza en galego». A súa colega de oficio María Jesús Iglesias expresou o orgullo «por ser unha muller quen reciba este recoñecemento» e agradeceulle á maxistrada «ter tomado, coma outras tantas mulleres anónimas, o relevo de Rosalía no día a día que temos que pelexar». Á comparación coa insigne escritora galega, que veu a colación polos actos conmemorativos que estes días se celebran para celebrar o seu nacemento, tamén tivo a ben recorrer, pese ao exceso que lle pareceu á homenaxeada, o director xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García. «Si, tes que ver con Rosalía por ter un carácter que te fai próxima e agradable no trato, e porque se desprende de ti a vontade de demostrar que o galego é unha lingua tan válida coma outra calquera, neste caso no ámbito da xustiza», díxolle á maxistrada do xulgado de Arzúa o responsable autonómico, quen tomou nota da falta de ferramentas de traballo nos xulgados para normalizar o uso do galego na xustiza.

Sobre esas carencias chamou a atención Flor Delgado, funcionaria da sede xudicial de Arzúa que falou en representación dos seus compañeiros. Confesou comprobar con gratitude como, cando Isabel Suárez chegou como titular ao xulgado arzuán, «una maxistrada nova empregaba o galego sen complexo e con orgullo». Agradeceulle así «a demostración de respecto polo galego que fai cada día», que, xustifica, «unha merecida homenaxe» nun momento no que «queda moito por avanzar no uso do galego».