Manuel López, O Tesedeiro: «Cando vin que a escultura se podía estudar foi como nacer de novo»

Raquel C. Pérez SANTIAGO / VOZ

ARZÚA

LUCÍA JUNQUERA

Tras aparcar o seu oficio durante vinte anos O Tesedeiro pensa abrir unha galería

24 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dous Manuel López escultores en España: un en Santiago, o outro en Xaén. Pero só un é O Tesedeiro. «Inda que Google xa nos ten mesturado algunha vez, agora creo que xa nos volveron separar». O alcume vénlle da súa bisavoa, á que lle chamaban A Tesedeira. «É que en Marrozos falamos con seseo. Ela traballaba o liño, por iso lle chamaban así». Durante vinte anos este artista deixou de lado a escultura. Tras retomala das súas mans renaceron as imaxes da virxe da Barca ou da virxe do Carme, entre moitas outras.

O Tesedeiro comezou a tallar ao tempo que daba os seus primeiros pasos. Empregaba aquilo que tiña máis a man. «Chegáronme a levar ao médico porque non facía máis que estragar patacas e remolachas». Aprobaba todo, pero non facía máis que distraerse. «Fixábame moito nas imaxes das igrexas, chamábanme a atención». Mestre e doutor tranquilizaban á familia, explicándolle que o único que precisaba o rapaz era dar renda solta á súa creatividade. «O que pasa é que naquela época, no medio no que eu me movía, non estaba ben visto que te dedicaras a esas cousas».

«Con dezaseis anos entrei na Escola de Artes e Oficios de Santiago», lembra. O daquela futuro escultor miraba alucinado ás esculturas dos corredores: «Cando comprobei que a escultura se podía estudar foi como nacer de novo». «Na escola aprendías o teórico: debuxo, historia da arte, volume ou perspectiva». Paralelamente comezou a traballar na empresa de César Ouro, un obradoiro de artesanía de madeira. «Nesta empresa ensináronme aquelas persoas maiores, que xa non existen, pero que eran auténticos artesáns. Aprendín a preparar as ferramentas, a cortar a madeira. É un oficio complicado ao principio».

Ao pouco de deixar a escola O Tesedeiro decidiu abrir a súa propia galería: Novo Arte. «Estaba na rúa Nova de Abaixo, na Rapa da Folla, número 9». Para un escultor que recén comezaba era complicado acceder ás galerías de arte da cidade. «Expuxen a miña obra permanentemente durante seis anos, e a de outras persoas que tiñan o mesmo problema ca min», explica. Deste xeito abriulle as portas ao mercado a outros artistas noveles. A acollida, lembra, fora boa. «Recibín visitas de xente que non cría en min e logo se convenceron, eran encontros emotivos. Tamén gardo xornais daquela onde me animaban, foi moi bonito».

A galería foi un pulo á súa carreira. Non obstante, a piques de cumprir os trinta anos, O Tesedeiro decidiu pechala. «Houbo quen me dixo que dedicarme á arte era ir un pouco no aire, entón montei unha empresa de construción de mobles, algúns deles con tallas».

Vinte anos pasaron ata que retomou a escultura. «Sentimentalmente non a deixara, pero estiven apartado dela». «Con cincuenta e cinco anos dixen, “se quero volver teño que facelo, porque se non, cando me dea conta xa non serei capaz”».

A chamada da madeira

O Tesedeiro admite que é complicado vivir da escultura, «pero cando tes ilusión non se che fai duro». No 2015 devolveu ao santuario da Barca, que ardera nun incendio, a imaxe da súa virxe. «Foi un pulo profesional, pero tamén persoal», manifesta o escultor.

O seu obradoiro é a casa vella onde naceu. «Sen portas, sen ventás. Doulle vida desa forma». «As ideas saen todos os días, da rúa, da propia vida. Ao comezo os meus temas eran rurais, as miñas raíces. Agora son máis ben de tipo social». Unha das súas obras recentes está dedicada a unha familia en paro e a outra desafiuzada. Actualmente prepara unha exposición colectiva, coa mente posta en abrir unha galería.

A Virxe da Barca. É autor da talla da Virxe da Barca, en substitución da anterior, que ardeu no incendio do 2013.

Exposición colectiva. Participa nunha exposición colectiva de artistas galegos, que se inaugura o 1 de agosto na capela da Madalena en Arzúa.