«Recoñecemos os grupos sen os que o mundo da gaita non sería o que é»

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol ARZÚA / LA VOZ

ARZÚA

NOGUEROL

Jorge Gómez, presidente da Asociación Festa da Gaita Galega de Arzúa, vila que reúne hoxe a músicos de toda Galicia e homenaxea a Os Garceiras

14 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Martiño do Ribeiro volveu tocar a gaita logo de catro décadas sen facelo cando hai seis anos comezou a picar no punteiro o seu neto e afillado Jorge Gómez, presidente da Asociación Festa da Gaita Galega, o colectivo que en Arzúa organiza o encontro que pon en valor o instrumento por excelencia do folclore propio. Varios centos de músicos de todo o país danse hoxe cita na vila con motivo da sétima edición da festa; entre eles, o señor Martiño, un dos catro membros con vida dos Garceiras, o extinto grupo de gaitas do veciño Melide ao que este ano lembran na vila arzuá. «A proposta chegou de fóra, non foi miña», aclara Jorge, que sinala a homenaxe que forma parte do programa como unha das sinais de identidade da cita.

O recoñecemento responde ao propósito que se persegue de «valorar, agradecer e premiar os grupos que nos marcaron o camiño para continuar; se non fora por eles, o mundo da gaita non sería o que é», explica o presidente do colectivo organizador, quen valora de xeito especial a contribución de formacións que como Os Garceiras «naceron nunha época moi difícil, cando en moitos sitios non estaba ben visto tocar e mesmo chegou a estar prohibido». Fala Jorge Gómez dos anos da ditadura. Hoxe, afortunadamente, a música tradicional galega sona sen corpiño e goza do aplauso espontáneo do público. En Arzúa tamén, como xa ten posto de manifesto a festa de hoxe, unha cita «na que a xente se implica, baila, canta, está contigo...», di. E non hai maior satisfacción, segundo conta, para un músico coma el.

Explica o presidente da Asociación Festa da Gaita Galega que, ademais dos parabéns veciñais, o apoio, institucional e sectorial, co que conta a cita en Arzúa é absoluto. «Non podemos dicir nada porque por parte do Concello e dos locais todo son facilidades». Vinte e sete bares e cafeterías da vila convidan a petiscos e consumicións aos máis de trinta grupos que participan sen cobrar nunha ruta de cantos de taberna coa que se despide cada edición dunha festa á que quen vai «repite», comenta Jorge Gómez. De feito, das formacións participantes, que compartirán mesa e mantel nun xantar de confraternidade que reunirá a medio milleiro de persoas, «non houbo que chamar a ningunha», indica. Entre elas, as propias da localidade. «Non falta ningunha», apunta.

O encontro musical de hoxe en Arzúa é tamén obrigado para destacados gaiteiros e artesáns galegos como os irmáns Seivane, Juan Brea ou Antón Corral, homenaxeados, entre outros, en pasadas edicións. Outros rostros coñecidos do panorama musical galego tamén farán soar os seus instrumentos na festa, que, dende o 2012, se foi consolidando como «referente de exaltación da nosa tradición, música e cultura» e como «espazo de intercambio de coñecementos e punto de encontro de maneiras diferentes de interpretar a música tradicional, pero todas elas con moito cariño e aprecio», afirma Jorge Gómez. O folclore popular galego ten, como a lingua, as súas propias variantes.

A Festa da Gaita Galega de Arzúa agradece a bendición que recibe da súa xente cunha «xornada diferente que achega a todo o mundo a nosa música», afirma o presidente da asociación que a organiza. Explica ao fío que no municipio «non había un grupo referente que abrira o camiño» e hoxe en día son varios os que co seu facer contribúen á difusión da cultura musical galega, amén de sendas escolas nas que se transmite a tradición ás xeracións máis novas. O relevo ten garante en Arzúa. Ao igual que na familia de Jorge Gómez, que herdou do seu avó Martiño a devoción pola gaita. Sóalle o móbil. De ton: É terra de panadeiros, unha foliada dos Garceiras.

Homenaxe. O acto en lembranza de Os Garceiras comezará hoxe ás 12.30 no recinto feiral Terra do Queixo

Xantar. Reunirá a cincocentas persoas, entre músicos e afeccionados

Cantos de taberna. Máis de trinta grupos tocarán nos bares dende as 19.00 horas