«Está claro que un cando empeza non vai chegar e bicar o santo»

brais capelán SANTIAGO / LA VOZ

ARZÚA

Martín D. Varela

MJ Pérez, cantante arzuá, foi finalista no concurso de bandas da Deputación da Coruña

04 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha semanas tivo lugar na Coruña o concurso de bandas que a Deputación organiza anualmente. Entre os participantes estaba MJ Pérez (Arzúa, 1992), que foi finalista. Pese á súa fugaz carreira, a cantante xa conta con dous discos e moitos concertos por toda Galicia.

-No concerto da Coruña reivindicaba o apoio á música local. ¿Referíase ao público ou ás institucións?

-En xeral. Eu agora mesmo estou no sector musical por dúas bandas, como artista e produtora e vexo o que sucede a ambos lados. Cando un monta un concerto, de nada serve se non vai público a verte. Por unha banda, penso que é fundamental o apoio das institucións con iniciativas que dean visibilidade e que a xente se anime a apoiar en redes e asistindo aos directos.

-¿Nota persoalmente ese apoio?

-Noto que mellora, pero grazas a un traballo tremendo. Está claro que un cando empeza non vai chegar e bicar o santo. Moitas bandas que alcanzan rápido o éxito soen perder valores e maxia, porque nunca souberon o que é traballar duro, desde a base, para chegar arriba. Si que é verdade que teño que promover moito os concertos, pero queda moitísimo por facer. Se eu quero tocar en Vigo teño que traballalo moitísimo para que a xente teña interese en vir.

-¿Como se definiría musicalmente?

-É unha pregunta moi difícil [ri]. Poderíase dicir que fago rock acústico, con toques pop, pero ao mesmo tempo son un pouco híbrida. Cando me falan de influencias non podo falar de nada en concreto, xa que a miña música non está influenciada de forma consciente. Gústame moito o fado portugués, aínda que o meu estilo non ten nada que ver, pero hai detalles que van quedando.

-¿Xoga algún papel Arzúa na súa música?

-Arzúa inflúe en min ata certo punto, xa que Guerrilleira saíu no 2014 e eu estiven os últimos cinco anos na Coruña, onde fixen vida. Arzúa pode dicirse que é a miña base e inflúe nas cousas máis cotiáns. Esa proximidade é o que me aporta e que a xente me apoie tanto é algo que levo no corazón.

-Aínda que pouco tempo actuando, vostede xa participou en festivais como o Noroeste da Coruña.

-Compartir escenario con xente como Silvia Penide, a quen admiro moito, si que foi un empurrón importante. Ese tipo de festivais axudan, pero penso que Guerrilleira foi un antes e un despois. Foi pasar de sacar cancións cos amigos e dar algún que outro concerto, a traballar dun xeito moito máis profesional, montando a banda, que para min foi algo moi importante. Esas cousas marcaron a miña carreira.

-Ademais os seus traballos son editados e producidos por vostede.

-Son autoproducidos os dous e Ollos que non ven, síntoma de cegueira, que foi o primeiro, é autoeditado; fíxeno eu na casa coa intención de compartilo cos amigos e pouco máis. Guerrilleira graveino con máis medios. Foi un punto intermedio entre o caseiro e o profesional. Vou presentar dentro de pouco o videoclip da canción A peza solta, que si que está gravado en estudo.

-Tamén ten un proxecto audiovisual.

-Cando estaba rematando a carreira, dinme conta de que me gustaba a produción. Quería facer algo que estivese relacionado coa música, entón acabei creando O Valse, unha pequena produtora que busca poñer o audiovisual ao servizo da música, e non ao contrario, como acostuma ser..

María José Pérez. Estudou Comunicación Audiovisual e o Máster de Producción e Xestión Audiovisual (MPXA) da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre

A súa carreira. Comezou na música no 2014 e xa conta con dous discos: Ollos que non ven, síntoma de cegueira (2014) e Guerrilleira (2015).