Isolina Martínez no pregón das festas da Peregrina: «Ames e Bertamiráns cambiaron moito, pero a min gústame moito máis o de agora»
AMES
Ames en Festas despídese este domingo despois de nove días de celebracións nos dous cascos urbanos do concello
09 ago 2026 . Actualizado a las 18:13 h.A última verbena das festas da Peregrina, en Bertamiráns, pon este domingo o punto final ás dez xornadas de música e actividades de lecer que a localidade compartiu co Milladoiro no Ames en Festas 2026. Isolina Martínez, mestra filloeira nacida na localidade, foi a encargada de pronunciar un pregón no que amosou a súa emoción por unha responsabilidade e unha honra coas que non contaba aos seus 88 anos. Na súa intervención puxo en valor a positiva evolución do seu municipio nas últimas décadas: «Ames e Bertamiráns cambiaron moito, pero a min gústame moito máis o de agora. Un pobo moderno que medra e hai de todo», sinalou fachendosa da súa terra. O alcalde amiense, Blas García, destacou a figura da pregoeira e a súa vinculación co municipio, indicando que «Isolina é un exemplo a seguir e representa o Ames de hoxe».
A programación da xornada dominical inclúe sesión vermú e as últimas actuacións musicais, coa Requinta da Maía, a Banda de Música de Brión e a orquestra Suavecito. É o remate da quinta edición de Ames en Festas, que une as celebracións da Madalena no Milladoiro coas da Peregrina en Bertamiráns, nunha sucesión de actividades que foi do 31 de xullo ao 9 de agosto, e que sumou concorridas citas como o Millarock, o Festival Emerxente ou a Romaría Urbana, dando un carácter inclusivo ás festas con atraccións sen ruído de 19 a 21 horas nas dúas localidades.