Filomena Fraga, a poeta de Ames, amosa a súa vitalidade e humor no seu centenario

Olimpio Pelayo Arca Camba
O. P. Arca SANTIAGO / LA VOZ

AMES

Filomena Agra recibiu na súa casa a visita do alcalde Blas García e da concelleira Uxía García
Filomena Agra recibiu na súa casa a visita do alcalde Blas García e da concelleira Uxía García

O alcalde, Blas García, compartiu na súa casa de Agrón vivencias dun século de traballo e loita pola igualdade

20 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Día de festa este martes en Agrón: a poeta de Ames, Filomena Fraga, cumpría 100 anos e recibía ao alcalde, Blas García, e á concelleira de Benestar Social, Uxía García. Ela, exemplo vivo e referente pola igualdade, distinguida no 2018 en Ames no Día Internacional das Mulleres, e que se convertía na primeira muller que acadaba a medalla do Concello no 2019, recibía deles unhas flores: «Para min como alcalde, e para a veciñanza de Ames en xeral, é unha honra e un privilexio poder seguir disfrutando das vivencias que nos conta Filomena. É historia viva de Ames e a súa filosofía de vida é un exemplo para todos nós. O ramo que lle entregamos non é un agasallo do goberno nin do alcalde, senón un modesto xesto de cariño que lle fai Ames a unha das súas veciñas máis ilustres no día do seu centenario», expresaba Blas García mentres destacaba a vitalidade e o humor de Filomena.

Atrás está un século de loita. A da nena que aprendeu a ler na casa co único libro que alí había: Áncora da salvación, do xesuíta José Mach; a da moza que marchou da casa de Portanxil na que traballaba ao negarlle un aumento de soldo por traballar o mesmo que os homes; e a da muller que en Valladolid denunciaba en 1974 o atraso do rural galego nunha xuntanza á que acudiu como integrante do colexio familiar rural de Negreira. Militante no Sindicato Labrego Galego, publicou a súa obra A cancela en 1995 cos seus propios aforros (reeditada no 2006 polo Concello amiense), animada por Suso de Toro, que recolle moitas desas vivencias.