As actividades comezarán o vindeiro día 12 no pazo da Peregrina
03 sep 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Música, xogos, contos, teatro, obradoiros, maxia e cine son parte das propostas que ten preparado o Concello de Ames no marco do programa Apego ata final de ano. Unha das novidades desta edición, segundo resaltou o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, son dúas actividades para conmemorar o Ano Castelao con fin de achegar a súa figura ás familias. Deste xeito, o día 19, Culturactiva presentará na Casa de Cultura do Milladoiro «Castelao», protagonizada por Cristina Collazo; e o 28 de novembro, Soledad Felloza ofrecerá no pazo da Peregrina «Alfabeto Castelao». As actividades tamén contarán con artistas e creadores de contido como Cé Orquestra Pantasma, Miuidiño, Caxoto e A Banda dos Insectos, entre outros. A primeira cita será o 12 de setembro no pazo da Peregrina co espectáculo «Para cantar e bailar», de Luís Prego e Samuel Soto. O obxectivo, afirmou o rexedor, é potenciar que se fale galego.