O Festival de Maxia celébrase os días 25, 26 e 27 deste mes
10 oct 2024 . Actualizado a las 04:55 h.O Festival de Maxia de Ames, Festimax, cumpre os días 25, 26 e 27 deste mes dezanove edicións e faino con cambios no programa para incorporar propostas para as persoas maiores e tamén para bebés.
O mago Dani Polo, produtor e director do Festimax, ofrecerá o día 25 dúas sesións para persoas maiores. A primeira será ás 11 horas no local dos maiores de Bertamiráns e a segunda, ás 17.30 no local da asociación Jupemi (O Milladoiro). A maxia para bebés corresponderalle ao Mago Paco, que presentará, tamén o venres, «Patapún» en dúas sesións na casa da Cultura do Milladoiro: unha ás 17 horas e outra ás 18.15 horas. O mesmo día, a partir das 18 horas, en varios pases e na praza de Chavián (Bertamiráns), toca maxia de proximidade coa maga Lore Lavand.
O festival segue o día 26 pola mañá con talleres de maxia no Milladoiro que o domingo 27 continuarán en Bertamiráns, sempre con inscricións previas. A Gala máxica internacional farase tamén o días 26 (O Milladoiro) e 27 (Bertamiráns) con dous pases en cada día. O MagoMigue será o presentador de Nacho Samena, Ramó & Alegría, Bruno Tarnecci e Néstor Hato. Os dous días, a primeira función será ás 17 horas e a segunda, ás 19.30 horas.