Ames acubilla todos os acentos: «Aquí estamos, luchando para salir adelante en este país e 'aprendendo galego'»

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

AMES

PACO RODRÍGUEZ

Amienses de múltiples procedencias participan nos talleres de inmersión lingüística

23 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«O que dicimos o primeiro día é que teñen que deixar a vergoña fóra». Así comeza Rosa Moreiras, a técnica de Normalización Lingüística de Ames, a primeira das clases dos talleres «En galego, co teu acento!», organizados polo Concello para poboación de orixe estranxeira. Despois de quince anos, os cursos exercen tamén «como achegamento a nosa cultura e ao noso xeito de ser, que moita veces é bastante diferente», engade.

O grupo de Bertamiráns comezou as clases o día 8 e maioría de participantes só falaban español ata hai uns días, por iso, a súa profesora, Fátima Soutelo, recentemente incorporada ao servizo de Normalización Lingüística de Ames, está moi satisfeita co resultado. Destaca que o que define a este grupo «é a ilusión e as gañas de aprender» e confirma que ela tamén o fai de Cuba, Venezuela ou Nicaragua, que é de onde veñen a maioría.

Coa vergoña ben lonxe, e lembrando o que sempre lles di Moreiras, de que «ninguén pasa de non falar unha lingua a falala con corrección, e que temos que aprender a equivocarnos», cada participante detalla a súa experiencia amosando todo o xa aprendido, que é moito. Isis Castro, cubana, leva vivindo en Ames só seis meses. Filla de galegos, explica que está «muy contenta de volver a las aulas». «Estou aquí porque quero falar galego, e falalo ben», engade a modiño para non trabucarse.

Adriana Gallego, de Colombia, comezou o curso con bufanda e luvas. Chegou de Medellín hai dous meses e quixo estudar galego «de inmediato para comunicarme mellor e ter amigos», tamén para ter máis opcións para atopar traballo. E agarda que a primavera lle axude a levar mellor un frío que, Mauricio López, compañeiro de clase, prefire ás temperaturas do seu país, Nicaragua. Veciño de Ames dende hai seis meses, apuntouse ao obradoiro «para comunicarme cos meus amigos galegos, e porque o necesitas para facer trámites e traballar», explica con bastante xeito. Menos solta, pero moi motivada está Gleny Bello cando di «aquí estamos, luchando para salir adelante en este país, del que me gusta todo ‘e tamén aprendendo galego', que es muy hermoso». Cando se lles pregunta que palabra se lles fai costa arriba Aura Rosa Pereira contesta de seguido: «Sanxenxo!», e os demais bótanse a rir. Nai dun dos membros da orquestra El Combo Dominicano, está encantada coas actividades da Casa do Maior, na que está aprender a tocar a guitarra e a facer labores.

Angelina Marín Laura, tamén de Venezuela, é a que máis tempo leva vivindo en Ames, dez anos. A súa é unha historia que estremece, xa que hai catro morreu a súa filla. Os seus netos, nacidos en Galicia, marcharon co pai e ela tivo que comezar de cero. Saíu adiante, explica, grazas aos Servizos Sociais e a actividades de todo tipo, incluídas as clases de galego. «Estoy muy agradecida, no cambio Galicia ni por mi país» engade antes de soltarse co galego: «Lograreino». E recoñece que ter cerca a Gleny, amiga dela de toda a vida, rematou de salvala.

Ronald Rojas, paisano dela, amosa que o seu contacto co galego e total ao citar de memoria a Rosalía de Castro e deixa unha mensaxe para o grupo: «É feliz quen soñando morre, desgraciado o que morre sen soñar».