Xosé María Lema compartirá o seu saber sobre os Moscoso

La Voz CARBALLO / LA VOZ

AMES

ANA GARCÍA

O investigador vimiancés foi convidado a participar nunha actividade que os concellos de Ames e Brión impulsan para conmemorar a histórica batalla de Altamira

09 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O investigador vimiancés Xosé María Lema participará nunha actividade que os concellos de Ames e Brión poñen en marcha de maneira conxunta para conmemorar a histórica batalla de Altamira, que enfrontou en xuño do 1471 ás tropas do arcebispo Alonso de Fonseca II e as de Lopo Sánchez de Moscoso.

No marco dun amplo programa de actividades, este sábado terá lugar unha ruta teatralizada polos escenarios da batalla, tanto en territorios do concello de Ames como do de Brión. Un autocar sairá do Pazo da Peregrina cara Augapesada, onde comezará a visita da man de Lucho Penabade, un dos integrantes do grupo teatral Os Quinquilláns, que fará unha pequena representación.

Logo, continuará o percorrido en autocar ata Ponte Maceira, onde os asistentes gozarán doutra pequena teatralización a cargo de Penabade. Seguidamente, a comitiva regresará a Trasmonte para continuar o camiño a pé ata as Torres de Altamira, onde agardarán o citado Penabade e o vimiancés Xosé María Lema, que se encargará de abordar a historia dos Moscoso e, sobre todo, dos motivos que causaron o enfrontamento entre esa familia e os arcebispos de Compostela. «Falarei tamén das xurisdicións dependentes dos condes, entre elas Altamira, Barcal, Vimianzo, Mens e Corcubión», informa o propio Lema.