Volve en Bertamiráns, con 35 finalistas, a gala dos Premios Youtubeiras

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

AMES

XOAN A. SOLER

O grupo Tanxugueiras terá un dobre papel protagonista

18 nov 2021 . Actualizado a las 00:01 h.

Os Premios Youtubeiras recuperarán na súa quinta edición —a deste ano— a gala presencial de entrega de galardóns, aos que optan nunha ducia de categorías 35 finalistas. A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o día 26, a partires das oito da tarde, o acto, que estará presentando polo grupo Tanxugueiras. As cantareiras de Teo terán un dobre papel protagonista na presente edición, xa que tamén participan no vídeo de Couxas, finalista, xunto con Olaxonmario e Neeumátiko, ao premio Youtubeir@ do ano.

Para outra decena de recoñecementos —un deles é por elección popular— tivo que deliberar o xurado do certame, que subliñou «a existencia dunha comunidade asentada de referencia para o Youtube en lingua galega». Pola súa banda, a organización dos galardóns salientou dos vídeos e canles que concorreron un «notable aumento na calidade técnica e de contidos», así como «unha importante ampliación das temáticas tratadas».