Algo non estamos facendo ben

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

AMES

VN

09 oct 2021 . Actualizado a las 18:51 h.

Cómpre pensar en corrixir a derivada. A publicación do Mapa Sociolingüístico Escolar de Ames, resultado dun traballo de campo de varios anos realizado polo equipo de sociolingüística da Real Academia Galega (accesible na web da institución), confirma datos certamente preocupantes: o uso da lingua galega esmorece nos ámbitos escolares; familias que teñen o galego como a lingua da casa ven como, ao pouco de escolarizalos, os pequenos e as pequenas volven das aulas falando castelán, exclusivamente en castelán, que adoptan como lingua de uso mesmo na contorna familiar. Segundo avanza o nivel de escolarización (primaria e secundaria) o proceso acentúase.

Non é a primeira vez que tratamos esta cuestión. A RAG pon os datos enriba da mesa, traballo de campo no que participou activamente o profesorado de todos os centros do concello, públicos e privados, en total: 264 docentes, 2.000 familias, case que 1.800 escolares. Poucas veces podemos dispoñer dun traballo tan en profundidade e con tanto detalle, grazas á colaboración dos colexios, as familias e o propio concello. Eliximos Ames polas súas características sociais e demográficas: un concello en proceso de crecemento (31.000 habitantes), con ampla poboación infantil e adolescente, importantes núcleos urbanos, mesmo con índices relativamente altos de inmigración (13 %), aínda que tamén cunha forte compoñente rural.

Non se trata de entrar en discursos apocalípticos. A lingua do país está viva. Mostras temos abondo, tamén entre sectores moi activos de xente nova. Hai recursos para xogar a partida. Pero hai que xogala, e a derivada é preocupante, non podemos mirar para outro lado. Alén de retóricas de ocasión, a responsabilidade é de todos. En primeiro lugar, das administracións, principalmente a Xunta, que ten as competencias, pero tamén as deputacións e os concellos, a Administración de Xustiza, a Administración do Estado, a Igrexa… E a sociedade civil: todos nós, dende as familias que é o territorio dos primeiros afectos, ás organización empresariais, veciños, sindicatos, clubes deportivos, medios de comunicación, publicitarios, empresas de ocio, creadores de cultura… Cun principio básico: a autenticidade. A xente non acepta as dobres medidas. «Necesitamos referentes», din os mozos. Referentes de uso e de exemplaridade (coherencia) por parte dos que nos representan (non só no ámbito político). Necesitamos un novo tempo e un novo talante para propiciar encontros entre axentes sociais e entre todos os interesados na razón que nos convoca, dende os departamentos universitarios ás empresas privadas, pasando polas organizacións políticas, naturalmente. Mais sen vencedores e vencidos, pois a causa nos alcanza a todos. Dende 1983, con case corenta anos de Lei de Normalización Lingüística, se cadra é a ocasión de reflexionar xuntos sobre o futuro.