Xa vén a terceira xeración: a filla de María Canosa logra un premio literario en Ames

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

AMES

ÁLBUM FAMILIAR

Ana López fíxose co recoñecemento no 18 Certame Literario do Concello

20 may 2021 . Actualizado a las 15:48 h.

Tras as escritoras Concha Blanco e a súa filla María Canosa, empeza a abrirse paso a filla desta: Ana López Canosa. Acaba de lograr o segundo premio, na modalidade de poesía, na 18 edición do Certame Literario do Concello de Ames, que recollerá mañá. En concreto, na categoría de ata os 13 anos. E o seu poema, titulado Soñar e co pseudónimo Sorriso, escribiuno con 7 anos (aínda que acaba de cumprir 8), de aí que competise con autores moi novos que case a dobraban en idade. Ademais do mérito en si, o galardón inclúe 170 euros.

A historia parece que se repite, porque a nai tamén ganou un segundo premio, o do Facho, no ano 86, cando aínda non cumprira os 8 anos. Tamén fora un segundo premio, e ao ano seguinte xa logrou o primeiro, que iría alternando sucesivamente ata 1992. Foron os primeiros de moitos que chegarían ao longo dos anos, destacando sobre todo o Merlín.

Ana López Canosa xa entrara nas páxinas da literatura con moi poucos meses, cando súa nai lle dedicou o libro Ana xa chegou, na primavera do 2014, e agora faino dun xeito máis directo. Escribe moito e le máis, algo que tamén facía súa nai ao seu tempo. Este é o primeiro premio ao que se presenta.

Recoñecemento

Por outra banda, María Canosa tamén recibiu boas noticias estes días, xa que onte sóubose que tres libros en galego están entre os dez mellores do 2020 (de 12 a 14 anos), segundo a lista de honra que cada ano elabora a revista Cuadernos de Literatura Infantil e Xuvenil. En concreto, Candorcas e unicornios, na categoría de 12 a 14 anos, xunto con O home que mercou un libro, de Paco Martín, e Viaxeiros, de Xulio Gutiérrez. A protagonista de Candorcas, por certo, tamén é unha Ana, unha rapaza con moita imaxinación.