Blas García, novo alcalde de Ames: «Para principios de ano queremos ter unha empresa municipal da auga»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

AMES

PACO RODRÍGUEZ

O rexedor socialista segue como deputado provincial e no consorcio dos bombeiros

20 abr 2021 . Actualizado a las 22:59 h.

Blas García Piñeiro asumiu a alcaldía de Ames o pasado día 8. Neste tempo mudou de despacho e a súa axenda encheuse de reunións, moitas relacionadas co seu novo cargo, coa vantaxe de que coñece moi polo miúdo todo o que se coce na Casa do Concello.

-Como está sendo o cambio de responsabilidades?

-Asentándome. Nesta primeira semana, con moitos temas administrativos e de papelexo, con reunións co persoal dos distintos departamentos para traballar nos temas que xa están en marcha e nos que temos que seguir avanzando para centrarse nos que consideramos máis urxentes. Tamén quero manter contactos cos alcaldes dos concellos limítrofes de Ames para presentarme e falar de proxectos conxuntos, e reunirme coas asociacións veciñais e cos partidos da oposición. Gustaríame ver de falar xa esta semana co Partido Popular.

-Cales son as prioridades que quere desenvolver no que queda de mandato?

-O reto que temos son proxectos do plan Edusi, no que hai moita xestión detrás que non se ve. De feito, houbo que cambiar as medidas de fiscalización porque aos concellos lles resultaba imposible sacar adiante os proxectos nos prazos marcados. No caso de Ames, ademais do plan de mobilidade, temos iniciativas como a reordenación da améndoa de Bertamiráns, o centro multifuncional e da xuventude do Milladoiro, actuacións en zonas verdes... En liñas xerais, diría que a humanización dos núcleos urbanos, incluído o tramo da N-550, e rematar o saneamento no rural. Levamos moito feito, pero a idea é chegar ao 90 %. Tamén estamos traballando en proxectos como a piscina cuberta do Milladoiro e na xestión da auga.

-Cal vai ser o modelo da auga, tendo en conta que está a piques de rematar a vixencia do contrato de xestión?

-No vindeiro pleno levaremos a proposta dunha última prórroga extraordinaria do contrato, porque xa temos claro que para principios de ano queremos ter en marcha unha empresa municipal da auga. O proxecto xa está moi avanzado, temos feito o estudio de viabilidade coa referencia coruñesa de Emalcsa. Agora estamos traballando nos últimos detalles do persoal para o estudio económico.

-Tan importante é unha xestión pública da auga?

-Polos estudios que temos está claro que é totalmente viable que os concellos xestionen a auga. Teo, por exemplo, apostou por un modelo directo, que non é o mesmo que unha empresa pública. Nós sempre dixemos que habería que ir a mancomunar servizos. E o Ciclo Integral da Auga é un deles. En Ames compartimos servizos de abastecemento, saneamento e potabilización con Santiago, Brión e Teo, polo que sería bastante factible que puideramos crear unha mancomunidade e traballar conxuntamente.

-Cando empezou o mandato ninguén podía imaxinar que a covid o mudaría todo. Como se vive esta realidade nun concello cun urbanismo tan distinto?

-A moita xente de Ames serviulle para coñecer espazos que tiña cerca e sendas que nunca percorreran. O Milladoiro ten máis cemento e poboación que Bertamiráns, pero está rodeado de monte, polo que houbo facilidade para moverse no confinamento. Pero o que si percibo na xente é que antes estaba enfadada e criticaba a realidade que tiña, e agora quere volver canto antes á vella normalidade. Isto vese moito nas redes sociais.

-Precisamente, vostede sempre foi unha persoa moi activa nestas redes. Vai seguir nelas?

-Vou seguir utilizándoas como levo facendo desde hai moitísimos anos porque son un defensor delas e teño páxina web propia. Hai tempo que as uso como canle informativa e para respostar dúbidas da xente. Ao que non lle fago caso é aos anónimos. Nos últimos tempos vin moitísimas faltas de respecto de xente que ten perfís falsos para dicir calquera barbaridade.

-E continuará na Deputación?

-Seguirei polo menos ata desenvolver algún dos proxectos pendentes.

-O parque de bombeiros para a comarca de Santiago é un deles?

-Si, e dos urxentes. A semana que vén teño prevista unha reunión con Bugallo e falaremos deste, e outros temas. Como responsable do consorcio ou como alcalde de Ames, dáme igual, temos pendente, por cuestións de axenda, unha convocatoria con todas as partes para tomar unha decisión. Os concellos non nos opoñemos a que sexa un parque de Santiago que nos dea servizo, ou un parque novo. O que queremos é darlle unha solución, que ten que ser neste mandato.