Alonso Barreiro Caxade: «As saídas nocturnas cando estudaba eu eran máis duras e contundentes»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

AMES

NOELIA P. OUBEL

Él tiña claro que quería ser mestre e facer proxectos musicais, e conseguiuno

27 may 2019 . Actualizado a las 12:35 h.

Naceu en Ames en 1981, pero a ausencia de recursos educativos que daquela tiña o municipio fixo que desde 1995 o seu contacto con Santiago fose «diario». Foi alumno do colexio de Barouta e despois seguiu no instituto Xelmírez I. Por varios motivos. Porque era o centro que lles tocaba aos rapaces do concello amesán, e porque oíra falar de Xosé Calviño, un docente que puxo en marcha unha experiencia pedagóxica innovadora, «anticipándose ao que hoxe en día temos moitas escolas, que é o traballo por proxectos», di Alonso Caxade.

Bo estudante sempre, quizais en COU un pouco menos, agora que é director no colexio de Barouta lembra como cambiaron as cousas en pouco máis de dous decenios. «Non había transporte escolar no instituto, así que colliamos un autobús na zona de Covas e logo saiamos a correr para coller outro e chegar á casa. É curioso, agora en Barouta xestionamos cinco liñas de transporte», di este músico e mestre, ou viceversa.

A relación con Santiago dos que vivían nos concellos limítrofes era constante: «Antes era unha cabeceira comarcal importante, era a nosa referencia para a xente de Ames, Teo, Brión, tanto no social como nas actividades extraescolares, viñas aquí para todo, para a piscina, o ocio, o tempo libre...». Agora, conta, faise máis vida nos núcleos dos propios municipios, como Bertamiráns. Había maior relación social, «e saídas nocturnas máis duras e contundentes -conta-, lembro esas riadas de xente que enchía as rúas, supoño que os veciños tamén tiñan as súas pegas, pero era unha parte social importante».

Alonso decidiu en COU que quería ser mestre: «Tíñao moi claro, quería ser mestre, seguir tocando en grupos e facer proxectos musicais». E todo se foi cumprindo. Premio fin de carreira en Maxisterio Musical, sacou a praza nas oposicións á primeira. Onde un vería un posto de traballo para toda a vida, Caxade pensou «no deber do empregado público». Iso, sen esquecer a música. Non lle veu de familia, senón que seguiu o mesmo camiño que centos de rapaces que na súa época ían á Escola de Música Tradicional de Ames: «Coñezo a pouca xente do noso entorno que non fose, ou que non fixese karate, pero a medida que esixía máis horas algúns fóronse descolgando, e outros fomos cumprindo etapas».

Ese foi o camiño de Alonso, desde as clases que un profesor do colexio lles daba voluntariamente, á súa etapa na escola de música, pasando polo conservatorio de Pontevedra para estudar acordeón, «porque ata o que eu sei, aínda hoxe non hai este instrumento no de Santiago», ata chegar a Maxisterio Musical e a Caxade. Este é un grupo que nace de forma natural, como evolución lóxica dun músico que tras tocar nunha banda de gaitas, en grupos tradicionais, de folk, jazz, pop e rock, quere iniciar un proxecto persoal, «primeiro porque me faltaba comunicar algo, non fixera un estilo persoal». E iso é Caxade, sacarse diferentes espiñas, sacar letras, ter o atrevemento de cantar directamente, «e facer unha estética que eu non consideraba explorada, esa estética de primeiros do século XX», conta.

Desde hai uns tres anos, ademais desta aposta musical que xa vai polo seu terceiro traballo, Alonso emprendeu outro proxecto, dirixir a súa vella escola en Barouta. E así o fai. Nin sequera tiña praza nese centro, pero presentouse como externo e desde entón trata de devolverlle á comunidade educativa o que recibiu cando era neno: «Pareceume un momento perfecto para presentar o proxecto de transformación do centro e para facer todo aquilo de experimentación e innovación que xa vira no Xelmírez como alumno, e despois na escola infantil de Lañas», onde ten a súa praza. E pola elevada demanda que ten o centro, parece que son moitos os que concordan con el.

«Reivindico a banda, para min a segunda división é o conservatorio e a primeira a banda»

Empezou co acordeón na etapa adulta. O seu primeiro instrumento foi a gaita, «moita xente descoñéceo, igual que descoñece a faceta de docente». Moitos quédanse con Caxade, o músico, que coa súa aposta audiovisual fai que nenos e maiores enchan os seus concertos. Non é música infantil, pero é sorprendente como nas súas actuacións «vemos a persoas afeccionadas á música que agora levan aos seus fillos, fillas, sobriños... Non é que sexan moitos, pero hai nenos, cando o noso non é un perfil de música infantil».

Os vídeos, a súa estética, o seu ritmo convence aos pequenos, e tamén aos maiores. Reivindica o estilo de banda de música, «paréceme unha institución galega das máis ricas que hai, reivindicable, e parece que estea en segundo plano. Para min a segunda división é o conservatorio, e a primeira a banda de música».

Un Santiago internacional

De Santiago di que hoxe é unha capital internacional, ampliada para o turismo. Moi diferente a como era de mozo, cando era a Compostela dos composteláns e dos que vivían nos municipios de arredor. «No bo e no malo Santiago colocouse nunha capital internacional de maneira moi potente, é unha cidade acolledora pero que se ampliou para o turismo».

Se Santiago cambiou, que dicir de Ames, un dos concellos galegos que más multiplicou a súa poboación. Lembra Caxade cando el estudaba en Barouta, un cento de alumnos en total, comparado co colexio que agora dirixe, co triplo de alumnos e profesores, comedor, cociñeiro, transporte escolar... unha proporción que se mantén nas cifras do municipio, pese a que o contacto coa capital galega non desaparece.