José Miñones, candidato do PSOE á alcaldía de Ames: «Se o día 26 amosa que hai que seguir pactando, aí estaremos»

Emma ARaújo SANTIAGO / LA VOZ

AMES

XOAN A. SOLER

O aspirante á reelección di que atoparon un Concello «en parálise» e agora «deixámolo saneado»

16 may 2019 . Actualizado a las 14:21 h.

Nas eleccións do 2015, unha presa de votos decidiu a orde das tres listas máis votadas en Ames. Catro anos despois, o candidato socialista, que encabezou un tripartito con BNG e Contigo Pódese grazas a quedar a oito votos do PP, aspira ao primeiro posto, malia que nesta ocasión o PP participa unido despois da integración de Pacto por Ames.

-Que balance fai deste mandato?

-É difícil facer un resumo cando fixemos tanto, pero cómpre dicir que viñamos dun concello en parálise e deixámolo saneado. Quen veña vai ter seis millóns de euros para gastar en Bertamiráns e O Milladoiro dunha subvención europea e dous para o rural de fondos da Deputación. Nesta estabilidade económica ten moito que ver a estabilidade política. Fomos quen de gobernar entre tres forzas e en minoría, sacando proxectos adiante que levaban anos paralizados, como o cemiterio, o centro de saúde do Milladoiro, a regulación laboral ou as primeiras solucións para a N-550.

-Que expectativas electorais ten para o 26M, tendo en conta que o PP preséntase unido?

-Penso que sería de xustiza ser a lista máis votada, polo traballo feito nun equipo no que por número de concelleiros tivemos maior peso. E se o día 26 amosa que hai que seguir pactando e dialogando aí estaremos dependendo dos números, como xa fixemos hai catro anos. Falaremos con todas as forzas, coma daquela, para manter o obxectivo que xa logramos, a estabilidade política, que, como quedou demostrado, en Ames non a garante unha maioría absoluta.

-Un dos problemas é a división entre Bertamiráns e O Milladoiro. Como afecta á hora de xestionar?

-Cando participamos en reunións veciñais xa non se fala tanto destas diferenzas. A iso chegamos facendo plans, primeiro o plan Impulsa Ames, con investimentos nos núcleos, e despois o plan Ruralízate para investir. Para combater diferenzas hai que falar en clave Ames. O reparto económico, ao igual que na nosa lista, está ao 50 % entre as zonas urbanas e as rurais. E iso non é casual. E para facer Ames está un dos nosos proxectos para conectar os núcleos: sempre se fala de facer cousas por duplicado, pero con liñas de transporte eficiente pódense facer outras cousas.

-Cando tomou posesión apuntou a unha mancomunidade da auga. En que quedou?

-Houbo conversas. Brión e Santiago rematan pronto os seus contratos e nós xa facemos o cobro tributario. E estamos estudando a municipalización con Teo.

-Iso pode entenderse como un primeiro paso para participar nunha fusión?

-A prioridade dun goberno é atender as necesidades dos seus veciños. E en catro anos como alcalde de Ames ningún me falou de fusións. Ese debate non existe.

«En catro anos como alcalde ningún veciño

me falou de fusións de concellos»