A mindoniense Isabel Picoaga, líder da Transgalaica en BTT

s. c.

AMES

Cuarta vitoria A ciclista do CC7 Voltas consigue unha nova vitoria nesta dura proba de BTT Cross

12 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ames acolleu este domingo, por cuarta vez, unha proba da Transgalaica (BTT Cross). A xornada estivo marcada polo embarrado do terreo debido ás choivas dos últimos días. Iso non impediu de todas as maneiras que os corredores gozasen dun espectacular circuíto. De maneira puntual tomaron a saída os máis de 400 corredores inscritos, dispostos a afrontar os 62 quilómetros do percorrido preparado pola xente de OEA.

Na categoría masculina viviuse un intenso duelo entre Javi Busto (Extol-La Gramola Team) e o novísimo Estefan González (Burgas Bike Team) resolto a favor do primeiro nun espectacular esprinte na mesma recta de meta.

Entre as mulleres, vitoria e liderado para a mindoniense Isabel Picoaga (CC 7 Voltas). Picoaga logrou desta maneira a súa cuarta vitoria nunha proba da Transgalaica despois de Ames ‘17 e A Estrada ‘17 e ‘18. Acompañárona no podio Silvia Blanco (Avelaíñas) e Diana Blanco (Barbanza Bike). A deportista tivo unha distinción recentemente por parte da Federación Galega.