«O rupturismo fala de división e nós de políticas para as persoas»

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña SANTIAGO / LA VOZ

AMES

PACO RODRÍGUEZ

Ana Seijas é vicevoceira de En Marea

24 ene 2019 . Actualizado a las 10:29 h.

Ana Seijas Baranauskas (Noia, 1973), licenciada en Ciencias Políticas pola USC, converteu a súas inquedanzas en activismo cando, coa crise, «tiven que ver como os meus veciños abandonaban o edificio para volver a vivir cos pais». No 2012 creouse Ames Novo e desde esa marea municipalista compaxina o traballo coa dirección de En Marea. Foi vicevoceira da anterior coordinadora de Luís Villares, na que repite.

-Foron anos difíciles, non si?

-Si, foron meses convulsos, pero eu apostei por traballar para sacar adiante este proxecto.

-Decidiu repetir na candidatura de Villares. Quedan folgos logo de tantas tensións internas?

-A min o que me guía é que a cidadanía está esperando uns cambios que penso que pouco a pouco se irán materializando, como se fai xa desde os gobernos do cambio no ámbito municipal. É dicir, poñer as persoas no centro das políticas e superar os espazos partidarios. Durante todo este tempo estivemos onde tiñamos que estar, do lado da xente. Unha vez no concello dixéronnos que nós éramos os que estabamos detrás das pancartas e para min iso é unha honra.

-Malia iso, os críticos din que nin son rupturistas nin plurais.

-A palabra non me gusta moito; rupturismo fala de división e nós falamos de políticas para as persoas, e non creo que dentro da pluralidade do espazo teñamos diferenzas nesas políticas. O que lles digo é que veñan traballar e que participen; sería unha irresponsabilidade non facelo.

-Poñen en dúbida a limpeza dos resultados das primarias.

-Xa non é momento de falar do proceso, creo que sempre actuamos con transparencia e os pasos que se deron foi para que se votara con garantías. Votouse, acadáronse uns resultados e é o momento de poñerse a traballar.

-Que diferenciaba ás dúas candidaturas?

-Había un proceso das organizacións políticas e un proceso das persoas. Eu aposto polo proceso das persoas, que era o proxecto orixinal de En Marea.

-Estivo na asemblea de Vigo? Porque os críticos tamén din que esta non é a En Marea fundacional.

-Estiven, claro. E o proxecto que se aprobou en Vigo foi a superación do espazo partidario, onde unha persoa é un voto e onde os partidos son unicamente motores auxiliares, e niso estamos.

-Teme que os deputados de Podemos e EU poidan desobedecer o mandato de En Marea respecto dos orzamentos do Estado?

-Os nosos deputados son independentes do resto do grupo confederal e non teño ningunha dúbida de que van a seguir traballando para defender os intereses dos galegos.

-En concellos como o seu, Ames, ou en Ferrol, haberá máis dunha marea. Non cre que iso vai en contra da unidade popular?

-Nós alentamos e entendemento pero non é unha decisión de En Marea porque as mareas municipais son soberanas. En Ferrol pode haber ata catro... Está claro que iso non é culpa de En Marea.

-Que expectativas teñen para as municipais?

-Presentáronse no 2015 unhas 80 mareas e agora agardamos que sexan 150, e aínda que as mareas son independentes, queremos ter unha mellor representación nas deputacións. Non apoiamos as deputacións, pero os concellos pequenos dependen dos seus fondos, e agora as mareas están infrarrepresentadas neses órganos provinciais.

-Toca patear de novo as rúas?

-Nunca deixei de patear a rúa, sígoo facendo no concello.