A Deputación destina 124.000 euros para difundir e promocionar o cine en galego

caterina devesa A CORUÑA / LA VOZ

AMES

CEDIDA

A medida subvencionará a distribución de trece películas

02 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A área de Cultura da Deputación destina unha partida de preto de 124.000 euros para a distribución dun total de trece películas en galego. Con esta medida preténdese dar acceso ao público a algúns dos últimos proxectos realizados na nosa lingua.

O organismo provincial explicou que se trata dunha iniciativa pioneira mediante a cal se permitirá que festivais, casas da cultura, cineclubs ou salas comercias proxecten traballos en galego. A nova liña de axudas persegue ademais facer fronte a un dos principais problemas cos que se atopa o sector cinematográfico, «a dificultade para a distribución e difusión dos contidos producidos». De acordo coa responsable de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, o ámbito audiovisual é «esencial para o fortalecemento da nosa cultura».

Nesta primeira edición son once as empresas distribuidoras e as produtoras que resultan beneficiaras da medida. As compañías recibirán unha subvención que cubrirá os gastos destinados a mercadotecnia, publicidade, dobraxe e subtitulado, así como a asistencia a festivais. En concreto, durante a convocatoria proxectaranse películas de recente éxito como Dhogs, un traballo dirixido polo lugués Andrés Goteira e interpretado por recoñecidos actores como Antonio Durán Morris, Carlos Blanco ou Miguel de Lira, entre outros. A lista complétase coas obras A batalla descoñecida, O futuro da mente, Trote, Memorias dun home en pixama, A estación violenta, Co vento, O león dorme esta noite, Beautiful Boy, O desafío do Sil, Sicixia, Sea Bests e O soño de papá.

Desde a Deputación aclaran que a medida nace «do recoñecemento do campo audiovisual como ámbito estratéxico de creación de contidos culturais». Neste sentido, Goretti Sanmartín alegou que «a produción audiovisual é unha mostra principal da vitalidade dunha lingua e dunha cultura». A Administración provincial contou para o desenvolvemento da convocatoria co asesoramento de Manolo González, ex-director da Axencia Audiovisual Galega durante o goberno do bipartito. Nas bases do programa destácase «a importancia estratéxica da existencia dun espazo de comunicación e cultura propio, vivo e que se desenvolva no noso idioma».

Entre as actividades que actualmente fomenta a Rede Cultural atópase Visións, un proxecto co que a Deputación busca fomentar a difusión de contidos audiovisuais na programación cultural dos concellos da provincia, facendo especial forza na promoción de produtos audiovisuais. Por outro lado, a iniciativa ofrece apoio económico aos distintos festivais organizados polos concellos da provincia, como Curtocirtuíto, Cineuropa, Carballo Interplay, Mostra Curtametraxes Vila de Noia, Chanfaina Lab de San Sadurniño ou Cinema Crianza de Ames, e a eventos como S9 ou Freakemacine, promovidos por entidades culturais.

Ademais, o organismo publicou onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a listaxe de entidades sen ánimo de lucro que serán beneficiadas pola liña de subvención creada pola institución para promover políticas de mantemento de igualdade e contra a violencia machista.

A Deputación Provincial financiará cunha partida de 275.556 euros o traballo dun total de 33 agrupacións sociais, que desenvolverán diferentes actividades para mellorar a empregabilidade, favorecer a conciliación familiar, fomentar a responsabilidade compartida e organizar outras iniciativas que contribúan ao empoderamento das mulleres na sociedade.