Nin nicrariense nin amiense, o exceso de solemnidade espalla xentilicios erróneos

Patricia Calveiro Iglesias
p. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

AMES

duvi

O lingüista galego Xosé-Henrique Costas resolve dúbidas de como chamar aos veciños de Santiago e a súa contorna

28 may 2018 . Actualizado a las 01:23 h.

¿Negreirés ou nicrariense? ¿Amesán ou amiense? O debate está na rúa, nestes e noutros moitos concellos onde non hai acordo sobre como chamar aos seus veciños. O lingüista Xosé-Henrique Costas González despexa algunha destas dúbidas no manual que publicou hai dous anos, Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega. Como norma xeral, desaconsella os cultismos e decántase polas formas máis populares. «Parece que a todo o mundo nos gusta a solemnidade nos xentilicios. Crémonos ilustres filólogos defendendo as formas cultas, cando en moitos casos son erróneas», sinala.

É o caso de nicrariense. «Inventouse un xentilicio dun étimo do topónimo que non existe», di o profesor da Universidade de Vigo porque, en todo caso, como sinala no libro, en latín xa era niger (con gue), polo que non se entende que se crease un xentilicio culto con ce, de por si incorrecto. O propio sería negreirés.

O manual define como «estrafalario» chamar amienses aos veciños de Ames. Costas insiste en que para a formación dos xentilicios co sufixo -ense se debería empregar a etimoloxía que se refire ao lugar e, neste caso, amiense correspondería máis ben a Amio (Santiago). Para Ames recomenda amesán.

O académico correspondente da Real Academia Galega (RAG) defende a sufixación a partir das formas populares e evitar «inventar aberracións» que aspiran a cultismos, aínda que en moitos casos están tan estendidos na fala que o se normalizou o seu uso. Así, Costas prefire dodrés a dodrense, fradés a fradense, toqués a toquense, tordoiés a tordoiense, tourés a tourense e tracés a tracense. Indica que, no caso de Ordes, por exemplo, o sufixo latino -ense funcionou durante moitos anos, mesmo para dar nome ao equipo de fútbol e en rótulos comerciais, polo que «está tan asumido que é moi difícil corrixir».

«Hai formas con -ense mal feitas, pero que agora son difíciles de arrincar, como a anterior, estradense ou lalinense», subliña. E bañense tampouco sería o máis correcto para A Baña, xa que «se o étimo é Avania, o xentilicio culto sería avaniense», aínda que o falso cultismo está moi asimilado.

O caso de Teo é tamén paradigmático. Afirma que o xentilicio pretendidamente culto creado pola prensa recente impulsou o uso de teense, pero debería ser teneense de confirmarse que o étimo é algo así como Teneo. E, para distinguir os veciños de todo o concello do que é da parroquia de Teo propón chamar a este último teés.

Apenas o 10 % ten xentilicio

Costas subliña que «apenas o 10 % dos topónimos en Galicia teñen un xentilicio e, nos outros casos hai que inventalo. Podes propoñer, por exemplo, santacombés ou boimortés (casos nos que non existe) e, se cala entre a xente, adiante con el; aínda que tamén se pode recorrer para os segundos ao xentilicio comarcal, xalleiro». Pasa o mesmo cos habitantes de Padrón, que poden chamarse padroneses ou irienses.

«O de Rois é unha complicación», recoñece. O lingüista desaconsella roisense e aposta por roisiño: «En poucos casos o sufixo -iño pode funcionar para xentilicios. Está o exemplo analóxico de meisiño en Meis, onde ninguén lle atribúe un significado diminutivo». Tamén se podería propoñer outra forma, como roisán, engade.

Sobre o dilema entre picholeiros e picheleiros, Costas di que ambos alcumes colectivos son válidos porque «seguen os dous vivos, un refírese aos picheis e o outro aos pichos». Indica que «ditados tópicos coma estes é o que máis abunda, de feito cada parroquia de Teo ten un, eran os piques entre lugares e seguen creándose alcumes novos. Recentemente, a conta da rivalidade deportiva, os coruñeses chámannos aos vigueses portugueses e nós a eles turcos. As linguas son organismos vivos».