Contacontos e poemas ao sol polas Letras Galegas

La Voz

AMES

Cedida

A librería Couceiro saca durante toda a semana os libros a rúa e Área Central acolle hoxe representación de alumnado do IES Antonio Fraguas

15 may 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

As actividades multiplícanse xa para conmemorar o Día das Letras Galegas. Onte Melide abriu a súa programación cun espectáculo de animación á lectura con contos e cancións con Luis Vallecillo. Hoxe será a quenda dos monicreques da compañía Viravolta, tamén para escolares.

En Ames, o alumnado e profesorado dos centros de ensino de Educación Infantil e Primaria tenderon un cento de poemas polo paseo fluvial de Bertamiráns, pola Travesía do Porto no Milladoiro e polo Monte Escolar de Carballo, en Trasmonte. A exposición artístico-poética poderá verse ata o 3 de xuño.

En Arzúa, pola súa banda, a residencia San José acolleu onte un espectáculo de Celso Fernández Sanmartín. Mañá o CEIP arzuán organizará unhas xornadas de xogos populares e tradicionais. O día 17 o Concello programa unha representación teatral na Capela da Madanela e un concerto na Praza de Galicia.

En Santiago, Área Central acollerá hoxe e o día 22, ás 19 horas, representacións de alumnado do IES Antonio Fraguas. Pola súa banda, a librería Couceiro, para conmemorar as Letras, saca durante toda esta semana os libros á rúa e ofrece un 5 % de desconto nos publicados en galego.

O CDG programa unha xornada de portas abertas o día 17 con visitas guiadas ao Salón Teatro (10.30, 12, 13.30, 16.30, 18 e 19.30 horas). É gratis previa inscrición.