Escoita, Santiago

Tamara Montero
Tamara Montero CUATRO VERDADES

AMES

23 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Éo bater dos caxatos na pedra. É a Berenguela tocando a hora. É o gaiteiro debaixo do arco de Xelmírez. E o zoar do vento entre ás árbores da Alameda. É a ausencia. O zunido do silencio nas bibliotecas universitarias. As Catro estacións de Vivaldi en calquera soportal da zona vella. É a auga correndo en Praterías, en Cervantes, en Fonseca. Son unha ducia de idiomas distintos falados diante dunhas cervexas. É como rodan os carros nas naves da Praza de Abastos. O «nena, lévame grelos». O «a ver, ¿non queres callos?». É o funguido dos primeiros fogos do Apóstolo. O rebumbio diante da tómbola. A caterva no Obradoiro. É o resoar dos pasos propios sobre o mármore mentres un vai abrazar ao Apóstolo. É o petar dos pellos na chave do muíño de Lermo. Son os xigantes e os cabezudos bailando. É o burbullar da pota do polbo. Son os xenerais do Ulla chamando polo entroido. Soa Santiago con cen sons distintos para quen queira escoitalos. E ás veces, hai alguén que ten a brillante idea de compilalos. Escoita, Santiago, o teu propio legado. A nena do pano marelo en Fecha. A panxoliña en Aríns. A memoria da Guerra Civil emerxendo de dúas veciñas de Calo. É a lenda da costureira en Ames. A foliada en Santiago. A memoria viva dos que viviron, e viven, en Santiago. É unha historia ouvida. É o noso mapa sonoro. É o devalar do tempo posto en voces. Posto en tons. É o Consello da Cultura Galega quen fixo a cartografía do que fomos. Do que somos. Escoita, Santiago. Os oídos abertos. Que Santiago ten moito que contar. Que Galicia fala. A quen non queira facerse o xordo.