A Baña recupera o servizo de normalización lingüística, agora compartido con Negreira
A BAÑA
A finalidade «é impulsar o uso da lingua galega, mellorar a súa presenza nos diferentes ámbitos da vida municipal e promover accións que contribúan a reforzar o seu prestixio social»
30 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello da Baña vén de recuperar o Servizo de Normalización Lingüística (SNL), que agora comeza unha nova etapa de actividade, neste caso compartida co Concello de Negreira. A finalidade desta aposta «é impulsar o uso da lingua galega, mellorar a súa presenza nos diferentes ámbitos da vida municipal e promover accións que contribúan a reforzar o seu prestixio social», segundo destaca a Administración local da Baña.
Este servizo permitirá desenvolver distintos programas de dinamización lingüística dirixidos a todos os sectores da poboación, con especial atención á comunidade educativa, ás familias e tamén á propia Administración local.
Entre as liñas de actuación avanzadas polo Concello destaca « o traballo arredor das ordenanzas municipais reguladoras do impulso do uso do galego, co obxectivo de avanzar na presenza e utilización da lingua
propia de Galicia no ámbito administrativo e institucional».
A Baña retomará a súa participación no programa Apego, orientado á transmisión do galego desde a infancia máis temperá. Tamén se sumará ao club de debate Alingua, un programa para fomentar o uso oral do galego, a capacidade argumentativa e o pensamento crítico.
O acollemento lingüístico, coa organización de cursos e grupos de conversa en lingua galega para a facilitar a aprendizaxe, a práctica e o uso cotián do idioma, e obradoiros nos centros educativos completan a programación do novo SNL.