Compañeiros e autoridades educativas homenaxean a Adelino Pose con motivo da súa xubilación

e. f. NEGREIRA / LA VOZ

A BAÑA

CEDIDA

Foi director e docente no instituto Xulián Magariños de Negreira, nos últimos 14 anos

28 oct 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

Máis de sesenta compañeiros de profesión non quixeron perder a despedida de Adelino Pose Reino, arroupado ademais polo director xeral de Educación, Manuel Corredoira; o xefe provincial, Indalecio Cabana; o alcalde da Baña, Andrés García; e a actual directora do instituto Xulián Magariños, Clara Cristela Rodríguez Núñez. Foi no transcurso do xantar homenaxe co gallo da súa xubilación, celebrado no Pazo de Adrán, en Teo.

Adelino Pose, que foi director e docente do instituto Xulián Magariños durante os últimos catorce cursos, e que antes o foi no instituto Félix Muriel, en Rianxo, foi agasallado por toda a súa traxectoria, chea de múltiples e infatigables iniciativas en favor dun ensino público e de calidade para a comarca de Barcala, que foron dende a mellora e a modernización do centro ata a implantación de ciclos formativos como o de informática ou comercio, ou a sección da Escola de Idiomas de Santiago, entre outras.

O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, interveu para agradecerlle o magnífico traballo desenvolvido á fronte do instituto barcalés, así como durante o tempo en que foi o presidente da asociación de directores de institutos de Galicia. Unha homenaxe máis que merecida para este ilustre barcalés por tantos anos de entrega á súa profesión, e que agora, di, terá o tempo que lle faltaba para facer coa súa dona esa viaxe longa que sempre lle roldou pola cabeza.